Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde en Xunta de Goberno para o convenio de...

O PRAZO DE MATRÍCULA ESTÁ ABERTO ATÉ O 16 DE FEBREIRO

Luz verde en Xunta de Goberno para o convenio de colaboración da nova escola infantil municipal A Braña

Luns 13 de febreiro do 2012

A duración prevista do convenio é de dez anos e prorrogarase automaticamente por períodos de igual duración se ningunha das partes se opón a prolongar o acordo. A actualización da achega económica do Concello poderá ser revisada anualmente. Por último, o convenio conta cun anexo no que se calcula o custo por praza estimado para o ano 2012, que é de 25 euros ao día, incluíndo os servizos de atención educativa e o de comedor. O número máximo de prazas é de 102, computando as medias xornadas como media praza. Polo tanto, o número de usuarios poderá ser superior, sen exceder o número de 102 en ningún momento temporal da xornada diaria. A liquidación das achegas económicas do Concello realizarase anualmente. Hai que lembrar que nestes momentos e até o xoves 16 de febreiro permanece aberto o prazo de matrícula para o presente curso na Escola Infantil Municipal A Braña, que debe realizarse na Escola Infantil As Landras, situada na estrada de Razo, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Foron admitidos 87 nenos e nenas, cunha listaxe de agarda de 61.

Outro asunto da Xunta de Goberno foi a luz verde para un convenio entre a Xefatura Central de Tráfico e o Concello polo que se formaliza a adhesión da administración local ao convenio específico de colaboración subscrito entre a Xefatura Central de Tráfico e a FEMP (Federación Española de Municipos e Provincias) en nateria de seguridade vial. Así mesmo, aprobouse o programa do Antroido 2012 e o contrato administrativo de servizos para o "Subministro e instalación de 139 anclaxes de contenedores do lixo na zona nordés do Concello de Carballo". Por último, a sesión supuxo o visto e prace para catro licenzas de obra, unha licenza de obra e apertura e catro licenzas de primeira ocupación. No caso da licenza de obra e apertura, refírese a unha nave industrial destinada a materiais de construción no parque empresarial de Bértoa.

Compartir: