Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta un orzamento...

O PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO SUPÓN UN INVESTIMENTO DE 2,2 MILLÓNS

Carballo presenta un orzamento "prudente" e "pensado para as persoas" por un importe de 20,4 millóns de euros

Sábado 18 de febreiro do 2012

Analizando cada un dos capítulos de gasto polo miúdo, o custo de persoal (de 5,7 millóns de euros) diminúe un 3,24 por cento, mantendo as medidas estipuladas sobre a conxelación de salarios e a non contratación de persoal, ademais de reducirse as dedicacións e o persoal de confianza do goberno local en 92.000 euros. Os que se incrementan nun 5,51 por cento son os gastos correntes (de 8,7 millóns de euros), sendo un dos principais motivos do gasto a actualización ao IPC (2,4 por cento) dos traballos realizados por empresas para o Concello, como recollida de lixo, saneamentos, limpeza de vías públicas, de praias, etc.; mentres que as transferencias correntes (de 1.183.895,04 euros), achegas do Concello a outras administracións, baixan nun 4,34 por cento. Neste caso, hai que subliñar unha redución de 53.000 euros para actividade cultural e deportiva e a subvención de festas (mántendose unicamente a achega para as Festas de San Xoán), ou a baixa en 5.180 euros na dotación para os partidos políticos; dun 40 por cento en representación e protocolo e dun 50 por cento en publicidade e propaganda.

Pola contra, e seguindo a premisa orzamentaria de "pensar nas persoas", suben en 15.000 euros a liquidación da Escola Infantil As Landras e do comedor sobre rodas; en 7.000 euros as becas docentes; destínanse 17.746 euros para prácticas laborais; e 7.000 euros para accións sociais, especialmente relevantes neste contexto de crise. Ademais, resérvase unha achega especial de 30.000 euros para desenvolver un Plan de Emprego, tamén considerado moi necesario na situación actual. Por último, o gasto financieiro (de 268.195,15 euros) sube un 18,48 por cento como consecuencia do aumento dos intereses de préstamos e operacións de tesourería mentres que para os activos financieiros está consignado crédito suficiente para anticipos e empréstitos de persoal. Os pasivos financieiros baixan polas amortizacións realizadas en anos anteriores.

Ingresos

No análise de ingresos, Belén Lendoiro afirma de que se calcularon "seguindo escrupulosamente as indicacións dos servizos económicos". Increméntanse os capítulos de impostos directos (de 5,9 millóns de euros) e taxas (3,6 millóns de euros) nun 4 e 4,2 por cento respectivamente, debido á actualización do Imposto de Bens Inmobles e ao incremento do padrón de vehículos, así como pola actualización da ordenanza de lixo. No caso do capítulo de impostos indirectos mantense a previsión de 200.000 euros pola situación da crise económica, que repercute directamente e de xeito máis cru no sector da construcción se seguindo co criterio xeral de prudencia na elaboración do orzamento. No caso das transferencias correntes (de 8,3 millóns de euros), referidas a achegas doutras administracións, hai unha diminución dun 1,1 por cento pola obrigatoriedade de devolución de parte do anticipo na participación dos tributos do estado.

No que respecta aos ingresos patrimoniais (de 258.096,06 euros), hai unha suba dun 152 por cento cifrada en 92.623, 84 euros pola aplicación do canon da agua. O capítulo 6 de enaxenación de terreos (de 50.000 euros) redúcese en 550.000 euros (un 91,67 por cento), para a adecuación orzamentaria ao ter en conta que en anos anteriores non se produciron ingresos neste concepto. Por último, as transferencias de capital (de 1.892.364,30 euros) simplifícanse ao eliminarse diversas partidas económicas e ter en conta unicamente os ingresos previstos: e os activos financieiros (de 50.000 euros) manteñen a mesma contía que en anos anteriores.


Tamén hai que mencionar a carga financieira do Concello de Carballo, que é, segundo Ferrero, "moi baixa", do 3,84 por cento. Os orzamentos debatiranse na sesión plenaria do mes de febreiro, xunto cos do Padroado Deportivo Municipal. No capítulo de transferencias correntes, hai que mencionar que se mantén a achega de 450.000 euros para o Padroado, aínda que o organismo autónomo asumirá en 2012 os gastos de combustible da piscina Carballo Calero e do campo de fútbol das Eiroas. Os interesados e interesadas en consultar o orzamento do Padroado Deportivo Municipal máis polo míudo, poden premer aquí.

Compartir: