Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo dinamiza o comercio local coa...

SÁBADO 10 E DOMINGO 11 DE MARZO

Carballo dinamiza o comercio local coa celebración da IV Feira das Oportunidades no Parque do San Martiño

Mércores 22 de febreiro do 2012

O orzamento estimado para a celebración da Feira é duns 25.000 euros, que serán achegados polos establecementos participantes, polo Concello, por unha axuda da Xunta de Galicia e tamén con fondos propios do CCA. En anos anteriores, a Feira ten congregado arredor de 25.000 persoas visitando o recinto, unha cifra que se acada en parte grazas a que a cita coincide coa celebración do Domingo de Feira na vila, o que contribúe a dinamizar a actividade comercial carballesa. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, espera que a Feira constitúa "un espaldarazo para o comercio" para "compensar un ano complicado para todos os sectores económicos". Tamén subliñou que o Goberno local ten como obxectivo adoptar medidas para darlle pulo ao comercio, xa que é "a primeira potencia económica do Concello".

O Alcalde, Evencio Ferrero, quere subliñar que se trata dunha actividade regulada pola Mesa Local de Comercio e polo tanto respecta todos os requisitos da normativa vixente. Ferrero sinala que "Carballo aposta por consolidar o tecido asociativo", apoiando iniciativas como a Feira das Oportunidades, pero tamén reflectindo ese apoio nos orzamentos de 2012, xa que se manteñen as axudas para asociacións e incluso se incrementan as achegas para aquelas entidades dedicadas a labores sociais. Por último, o Alcalde destacou que "Carballo está a resistir dende o punto de vista comercial esta durísima crise, pero dela temos que intentar saír entre todos".

Compartir: