Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello abre ao tráfico a nova...

CRÉANSE PRETO DE 40 NOVAS PRAZAS DE ESTACIONAMENTO

O Concello abre ao tráfico a nova rúa Jacinto Amigo Lera, que conecta as vías Desiderio Varela e Martín Herrera

Mércores 22 de febreiro do 2012

Ao acto de apertura da nova vía acudiu o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo acompañado por unha sobriña de Jacinto Amigo Lera, Carmen Amigo, encargada de descubrir a placa da rúa. Tamén estiveron presentes numerosos concelleiros de todos os grupos políticos da corporación, así como membros da vida social carballesa. Jacinto Amigo Lera, máis coñecido como "Chinto", foi Alcalde de Carballo entre o 7 de xullo de 1967 e o 14 de xullo de 1971, sucedendo no cargo a Gregorio Chillón de la Fuente e antes de que tomara posesión como rexedor Manuel Bello Pallas. A principal achega de Jacinto Amigo á vila de Carballo, en verbas do Alcalde actual, Evencio Ferrero, foi que en 1968 "dou o salto necesario para construír o complexo educativo e deportivo do Chorís", coa edificación do CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas. Así mesmo, no seu mandato aprobouse a petición para a construción de escolas unitarias en practicamente todas as parroquias do municipo, así como a edificación do cuartel da Garda Civil ou o mercado. Como curiosidade, hai que mencionar que en 1967 a corporación da que Jacinto Amigo era Alcalde sacou adiante un orzamento de 9.565.367 pesetas.

Compartir: