Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dos criterios...

A DEBATE: OS ORZAMENTOS E O CONTRATO DO SERVIZO DO LIXO

O pleno aborda a aprobación dos criterios urbanísticos xerais de aplicación no municipio trala anulación do PXOM

Venres 24 de febreiro do 2012

Outro dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e canceira do Concello de Carballo. Este asunto xa foi exposto no seu momento para todos os grupos políticos da corporación en dúas xuntanzas dos voceiros municipais. Unha das novidades do modelo que se propón é que se trata dun contrato de xestión, polo que, a medida que a empresa adxudicataria mellore a súa eficiencia no servizo (en aspectos como o incremento da reciclaxe ou a redución de residuos impropios) mellorará tamén os seus beneficios. O obxectivo é chegar, nos 18 anos (16 e dous de prórroga) estipulados de duración do contrato no prego de condicións a un 26 por cento de recollida selectiva, fronte ao 13 por cento actual. O novo contrato pretende tamén favorecer as políticas de adopción na Canceira Municipal.

O orzamento base de licitación é de 771.992 euros cun valor anual estimado de 987.992 euros. Os criterios que se seguirán para a adxudicación do contrato nun máximo de 100 puntos son: 51 puntos para a oferta económica; 24 para o proxecto de explotación dos servizos; 8 para melloras; 8 puntos para maquinaria e equipos ofertados; 4 para instalacións fixas e infraestruturas; outros 4 para un programa de informacion social e motivación cidadá; e 1 para o programa de control e organización. A orde do día do pleno inclúe tamén a conta de recadación do ano 2011 nivelada a 31 de decembro do ano pasado en gastos e ingresos a 7.993.864 euros. Nestes momentos están pendentes de cobro 126.092 euros no período voluntario e 1.063.050 euros en período executivo. Por último, dase conta do informe de Intervención e Tesourería de loita contra a morosidade do cuarto trimestre de 2011. Nesta ocasión, as facturas pendentes de pago ao final do trimestre ascenden a 540.000 eros -no caso das incluídas dentro do período legal de pago-; e a 429.000 euros -no caso das que están fóra do período legal de pago-.

Hai que lembrar que a sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro inclúe a proposta de aprobación dos Presupostos Xerais da corporación para 2012. Os interesados e interesadas en saber máis sobre a previsión orzamentaria municipal para o presente exercicio, pode premer aquí. Así mesmo, é posible descargar un documento en pdf onde se recolle no DOG do 31 de decembro de 2002 a Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA). As normas subsidiarias poden consultarse na web de Planeamento Urbanístico da Xunta (só Internet Explorer).

Compartir: