Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno da corporación saca adiante o...

LUZ VERDE PARA OS NOVOS CRITERIOS URBANÍSTICOS

O pleno da corporación saca adiante o orzamento municipal para 2012 por un importe de 19,9 millóns de euros

Xoves 2 de febreiro do 2012

Durante o pleno aprobáronse por unanimidade os criterios de interpretación sobre o réxime transitorio aplicable no solo clasificado polo planeamento municipal de Carballo. A través desta proposta establécense unhas pautas urbanísticas xerais de aplicación no municipio despois da anulación definitiva do PXOM de 2003 e que terán vixencia ata a aprobación dun novo Plan Xeral. Nesta ordenación adóptanse como referencias principais as normas subsidiarias dos anos 80 para a clasificación do solo e a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) para a aplicación das normas urbanísticas correspondentes en cada caso. No que respecta aos ámbitos onde se aplicará a suspensión cautelar da concesión de licenzas urbanísticas, o xoves 1, antes do pleno, tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Urbanismo e Medio Rural na que o único punto da orde do día referiuse a este asunto. O goberno espera aprobar nunha futura sesión plenaria esta medida para terminar de delimitar as normas urbanísticas transitorias que rexerán no municipio ata que se aprobe o novo PXOM. A orde do día do pleno inclúe, así mesmo, a conta de recadación do ano 2011 nivelada a 31 de decembro do ano pasado en gastos e ingresos a 7.993.864 euros. Nestes momentos están pendentes de cobro 126.092 euros no período voluntario e 1.063.050 euros en período executivo.

Contrato de xestión do servizo de recollida de lizo

Así mesmo, recibiu luz verde no pleno o Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e canceira do Concello de Carballo. Este asunto xa foi exposto no seu momento para todos os grupos políticos da corporación en dúas xuntanzas dos voceiros municipais. Unha das novidades do modelo que se propón é que se trata dun contrato de xestión, polo que, a medida que a empresa adxudicataria mellore a súa eficiencia no servizo (en aspectos como o incremento da reciclaxe ou a redución de residuos impropios) mellorará tamén os seus beneficios. O obxectivo é chegar, nos 18 anos (16 e dous de prórroga) estipulados de duración do contrato no prego de condicións a un 26 por cento de recollida selectiva, fronte ao 13 por cento actual. O novo contrato pretende tamén favorecer as políticas de adopción na Canceira Municipal. O orzamento base de licitación é de 771.992 euros cun valor anual estimado de 987.992 euros. Por último, a sesión supuxo a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei 3/2004 de 29 de decembro de loita contra a morosidade referido ao cuarto trimestre de 2011. Nesta ocasión, as facturas pendentes de pago ao final do trimestre ascenden a 540.000 eros -no caso das incluídas dentro do período legal de pago-; e a 429.000 euros -no caso das que están fóra do período legal de pago.

Compartir: