Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alumnado do Master de Arquitectura da Paisaxe...

ACTUACIÓNS: CREAR UN NOVO BALNEARIO OU INCENTIVAR O DEPORTE

O alumnado do Master de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Xoana de Vega propón deixar de dar as costas ao Anllóns

Martes 6 de marzo do 2012

O salón de plenos do concello acolleu tres presentacións de alumnos e alumnas do máster que propuxeron tres plantexamentos diferentes, pero con puntos en común. Así, subliñaron como unha constante o feito de que Carballo ten medrado urbanísticamente de costas ao Anllóns, algo que convén solucionar; ou a idea de aproveitar as parcelas agrícolas da contorna do Paseo do Anllóns e sacarlle maior rendemento; así como mellorar a flora e fauna con especies autóctonas ou incrementar os espazos para a práctica deportiva e de ocio ao longo da canle. Outras ideas foron máis aló, como a de crear un balneario na contorna do río, nun espazo axeitado que invite á relaxación e á tranquilidade; ou un restaurante que aproveite os produtos agrícolas da contorna. Así mesmo, xurdiu a idea de conectar o río co casco urbano carballés a través de "conectores verdes", camiños rodeados de vexetación que axuden a integrar o río co centro da vila. En xeral, e segundo explicou Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe, o obxectivo do máster é o de considerar a paisaxe como un elemento moi importante do desenvolvemento urbano, así como, en verbas de José Manuel Andrade, director da Fundación Xoana de Vega, que esta actividade formativa se transforme nunha referencia a nivel nacional e europeo.

A Escola Galega da Paisaxe foi creada pola Fundación Xoana de Vega para conxugar a ensinanza e o desenvolvemento do medio rural. O Máster de Arquitectura da Paisaxe conta coa colaboración de dúas universidades (USC e UDC) e unha fundación privada (Xoana de Vega) e conta con dous obradoiros que se desenvolven ao longo dun curso lectivo traballando con situacións reais. O primeiro destes obradoiros desenvolveuse coa colaboración do Concello de Carballo, que propuxo como proxecto a rexeneración e mellora da contorna do río Anllóns. O segundo dos obradoiros levarase a cabo coa colaboración do Concello de Lugo e servirá para pechar o curso. Isabel Aguirre resalta que esta iniciativa fomenta unha relación institucional práctica que axuda ao desenvolvemento tanto dos concellos como do alumnado, que conta co asesoramento dos mellores profesores e expertos, non só de Galicia, senón de España e da Unión Europea. O alumnado do master está formado fundamentalmente por licenciados en Arquitectura ou Enxeñería Agrónoma. O obxectivo máis amplo do master é o de evitar a destrución da paisaxe, xa que "moitas veces con pequenas intervencións, pode mellorarse moitísimo a contorna", segundo Aguirre.

Durante o acto, estiveron presentes numerosos membros da corporación municipal, incluída a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; tamén asistiu o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote. Os interesados e interesadas poden obter máis información sobre o máster consultando as ligazóns á Escola Galega da Paisaxe ou á Fundación Xoana de Vega nesta mesma nova.

Compartir: