Inicio Carballo ao día Hemeroteca O III Plan de Igualdade persegue adoptar medidas...

O ÁMBITO DE ACTUACIÓN PROLÓNGASE ATÉ O ANO 2014

O III Plan de Igualdade persegue adoptar medidas concretas para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres

Xoves 8 de marzo do 2012

O III Plan de Igualdade recolle oito áreas de actuación que se desenvolven ata o ano 2014: a promoción, sensibilización e concienciación municipal; cultura, deporte e urbanismo; a promoción da saúde e benestar social; a educación; a formación e emprego; a conciliación da vida persoal, laboral e familiar; a prevención e erradicación da violencia de xénero; e o empoderamento e participación sociopolítica. Cada unha destas áreas plantexa uns obxectivos xerais e específicos e actuacións concretas que terán unha avaliación intermedia e unha avaliación final para poder realizar un seguimento. Algunhas das medidas que se propoñen xa están en marcha, como o programa Concilia, o servizo de canguraxe, as escolas de verán, a celebración de obradoiros e a dotación de material educativo sobre o tema nos centros escolares ou a promoción do asociacionismo con actividades como a tradicional Feira das Asociacións que se celebra con motivo do 25 de novembro. Entre as novas medidas que se porán en marcha está a distribución de dípticos que indican sobre cómo actuar cando se é vítima de violencia de xénero e que conteñen información sobre os mecanismos existentes no Concello para poder loitar contra esta lacra. Ou tamén a promoción e creación, coa axuda do CIM e a Concellaría de Igualdade, de novas empresas e asociacións dirixidas por mulleres.

Proxección dunha curta e declaración institucional

Silvana Castro subliña que se trata dun "plan ben encadrado na realidade do Concello" e que pretende "afondar nos problemas de igualdade que ten a muller na sociedade". O Alcalde, Evencio Ferrero, lembrou que dende o ano 2003 o Concello realiza chamamentos á sociedade contra a violencia de xénero e a prol da igualdade. Descrebe o plan como "un vieiro que se traza dende o CIM e dende o Concello para seguir dando pasos neste longo proceso" que é o de "transformar a sociedade e que as mulleres pouco a pouco eliminen o teito social" baixo o que viven. Ferrero quixo así mesmo subliñar o feito de que o goberno carballés teña en conta a igualdade, poñendo a mulleres ao frente de áreas como as de Facenda ou Urbanismo, tradicionalmente ocupadas por homes. Por último, lembrou que o pleno do xoves 8 de marzo inclúe a aprobación dunha Declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Dentro das actividades para conmemorar este día, Silvana Castro tamén anunciou que o luns 12 de marzo ás 18.30 horas o Pazo da Cultura acolle a proxección da curtametraxe "Pensa o que sentes", gañadora dun concurso organizado polo CIM de Cee e realizado por un grupo de alumnos/as do IES Fernando Blanco da vila reflexionando sobre os dereitos das mulleres e das persoas.

Os interesados/as en consultar a Declaración institucional con motivo do Día da Muller Traballadora ou o III Plan de Igualdade, poden facelo en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: