Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chévere presenta "Citizen", unha...

SÁBADO 17 DE MARZO ÁS 19.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Chévere presenta "Citizen", unha "ópera non cantada feita teatro" sobre o proceso de creación do imperio Zara

Xoves 8 de marzo do 2012

A historia arrinca no ano 1975, xusto unha semana despois da morte do dictador Franco, cando Zara abre a súa segunda tenda nunha pequena rúa da Coruña. Xesús Ron explica que a través deste punto de partida, "Citizen" reflexiona sobre cómo é posible que A Coruña estea no mapa da globalización 35 anos despois grazas a unha multinacional, e sobre cómo a historia do país e da economía e incluso a nosa propia historia poden ter relación, chegando a unha reflexión final: "é o trunfo dun individuo ou o fracaso dun pobo?". A presentación de "Citizen" tamén contou coa presenza da actriz e protagonista da proposta Patricia de Lorenzo, que relata como un "experimento" se converteu na oportunidade de participar nun proxecto cun elenco moi amplo. Segundo De Lorenzo, a primeira parte céntrase no traballo textual, mesturando realidade e ficción; a segunda plantexouse dende un punto de vista moi físico, contando a vida dunha cooperativa téxtil; a terceira realiza "un exercicio teatral no que o mesmo público ten que ler a historia", participando ao final nun debate aberto sobre actualidade e temática social. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo resaltar esta proposta novedosa, que "seguro que será aceptada polo experimentado público carballés". Desexou que os espectadores desfruten da estética peculiar de Chévere e do seu xeito de conectar co público.

Obradoiro para o público o día 15 de marzo

O espectáculo complétase coa celebración dun obradoiro que ten lugar o xoves 15 de marzo ás 19.30 horas. Está dirixido a calquera persoa interesada na cultura e nas artes escénicas para mellorar a comprensión e o goce desta obra de teatro. Este taller ofrece a oportunidade de falar con xente do Grupo Chévere e coñecer de primeira man a través de vídeos o traballo de preparación que hai detrás do espectáculo, así como compartir con eles as inquedanzas e dúbidas. Estarán presentes no obradoiro o director Xesús Ron, e a actriz Patricia de Lorenzo. Realizarase unha inscrición previa entre o luns 5 e o xoves 15 de marzo en horario de 11.00 a 14.00 horas nas oficinas da Concellaría de Cultura ou no teléfono 981 704 300 xa que hai límite de prazas, aínda que a actividade é gratuíta. Hai que mencionar así mesmo que "Citizen" conta con 8 nominacións aos Premios María Casares, os galardóns máis importantes do teatro galego, incluíndo categorías tan relevantes como a de "mellor espectáculo", ademais de que esta proposta recibiu o Premio da Crítica de Galicia en 2011.

Compartir: