Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno para a suspensión...

CESIÓN DE USO DA ESCOLA INFANTIL AO CONSORCIO GALEGO

Luz verde no pleno para a suspensión cautelar de licenzas no municipio e para o recoñecemento extraxudidial de crédito de 2012

Venres 9 de marzo do 2012

O pleno extraordinario tamén incluía na orde do día outros dous asuntos. Por unha banda, aprobouse por unanimidade a cesión de uso ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar do inmoble da Escola Infantil A Braña, que está previsto que a Xunta poña en funcionamento ao longo do mes de marzo. Así, aínda que os terreos xa están cedidos dende o ano 2008, o organismo autonómico require tamén a cesión do inmoble para que A Braña pase a ser un centro xestionado polo Consorcio. Tamén por unanimidade recibiu luz verde a Declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora e precisamente a xornada na que tivo lugar o pleno. O texto recolle que o Concello de Carballo manterá o compromiso de promover a plena igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade tanto públicos como privados defendendo, entre outras medidas, incentivar políticas transversais de xénero de cara á consecución dunha verdadeira igualdade de oportunidades e de trato entre homes e mulleres, promover accións que favorezan o acceso da muller ao mundo laboral e a conciliación da vida laboral, familiar e persoal ou impulsar e fomentar iniciativas que teñan como obxectivo erradicar a violencia de xénero.

Por último, e dentro do apartado de seguimento de órganos de Goberno, a sesión supuxo a dación de conta da liquidación do orzamento do ano 2011. O resultado orzamentario é de 324.963,28 euros; o remanente de tesourería é de -349.501,10 euros; e o remanente de tesourería para gastos xerais é de -1.801.326,58 euros. Este importe xorde como resultado de que o Concello está pendente de varios ingresos de elevada contía por parte doutras administracións, entre os que hai que subliñar 3.273.892,8 euros de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes aos traballos do Fórum Carballo, xa liquidados na súa totalidade por parte da administración local. Os interesados e interesadas poden consultar a Declaración institucional con motivo do 8 de marzo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: