Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 250 estudantes da Escola de...

EN VIRTUDE DUN CONVENIO COA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Máis de 250 estudantes da Escola de Arquitectura analizarán espazos da capital carballesa para ofrecer solucións urbanísticas

Luns 19 de marzo do 2012

Felipe Peña quixo subliñar a importancia deste tipo de iniciativas, non só para as administracións, xa que o Concello pode "aproveitar" as ideas que xurdan durante esta colaboración; senón tamén para o alumnado, porque é unha oportunidade para que poidan unir as vellas formas urbanísticas coas contemporáneas baseándose en casos reais. Así mesmo Xosé Luís Armesto resaltou que os estudantes da ETSA poderán, a través do convenio, "contactar coa realidade" para acabar transformando as súas propostas en "solucións reais" e mantén que é necesario darlle cada vez máis importancia ás prácticas e á colaboración con institucións e empresas como parte fundamental do proceso formativo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que recibiu no Concello ao Reitor xunto coa Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e outros membros do Goberno local, quixo agradecer esta colaboración e manifestou a súa vontade de poñer todo o necesario para que se sigan producindo no futuro. Así mesmo, asegurou que o Concello xa está "esperando que cheguen estas propostas que polo menos servirán para marcar estratexias de cara ao futuro", especialmente nunha vila como Carballo "na que hai moito por facer".

Participan no programa que establece o convenio entre o Concello e a UDC aqueles estudantes que teñan superado o 50 por cento da titulación. O Concello deberá asignar un titor -o Arquitecto Municipal, Alfrego Garrote- que coa colaboración do profesorado da UDC velará pola formación dos alumnos e alumnas. O Concello comprométese, así mesmo a poñer a disposición dos estudantes a información urbanística e arquitectónica necesaria para realizar o seu labor. Durante a xuntanza cos representantes da UDC, lembrouse unha experiencia que acaba de rematar moi similar á que propón este convenio e que se levou a cabo co alumnado do Máster de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Xoana de Vega para recuperar e rexenerar a contorna do río Anllóns no Bosque do Añón carballés. O Alcalde quixo valorar a "liberdade das ideas" que ofreceron os estudantes do Máster, cun punto de vista totalmente diferente do que se obtén por parte da xente que vive o pobo de forma cotiá, e espera que esta mesma liberdade guíe as ideas que plasmará o alumnado da ETSA despois de Semana Santa.

Compartir: