Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Asociación Ambiental Senda Nova...

OS DOMINGOS ENTRE O 25 DE MARZO E O 10 DE XUÑO

A Asociación Ambiental Senda Nova propón oito percorridos de sendeirismo para a terceira edición de "Primavera en ruta"

Mércores 21 de marzo do 2012

Dende Senda Nova queren subliñar o carácter lúdico e de convivencia das rutas, que tamén serven para manter en bo estado a contorna natural e incluso como un remedio contra o estrés. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar a longa traxectoria de Senda Nova a pesares da súa recente creación, e resaltou a importancia deste tipo de actividades que fomentan o contacto coa natureza e que teñen un carácter sostible, polo que merecen "o aval e o apoio de todas as institucións". Por último, felicitou á asociación pola súa proposta e desexou "que as rutas se coñezan, se divulguen e que contribúan a que os espazos estean ben conservados". Respecto das características das rutas, desenvolveranse en oito domingos entre o 25 de marzo e o 10 de xuño e contan, ademais de Carballo, coa colaboración dos concellos de Malpica, Cabana, Zas, Coristanco, A Laracha e Trazo. As saídas faranse dende o Pazo da Cultura de Carballo e dende a Casa do Concello de Coristanco, encargándose a organización do transporte dos participantes dende os lugares de saída até os sitios de comezo da marcha. Así mesmo, a organización recomenda levar calzado (a poder ser impermeable) e roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla, gorra e protección solar.

Respecto do calendario de rutas polo miúdo, este ano incorpóranse tres novos percorridos (os tres últimos), sendo todas as saídas arredor das 9.00 horas:

  • Camiños de Aldemunde: 25 de marzo. De sete quilómetros de lonxitude, transcorre por Carballo, saíndo do Toural e terminando no dolmen de Pedra Moura.
  • O son do Anllóns: 1 de abril. De 21 quilómetros de lonxitude, transcorre por Carballo e Coristanco, saíndo de Carballo e terminando en Corcoesto.
  • Coristanco histórico: 15 de abril. De 20 quilómetros de lonxitude, transcorre por Coristanco, saíndo de Seavia e terminando na Férveda de Rabiños.
  • Terras Altas de Soneira: 29 de abril. De 19 quilómetros, transcorre polo Concello de Zas, saíndo de Pico de Meda e terminando en Follente.
  • A forza do río Chonia: 13 de maio. De 22 quilómetros, transcorre polo Concello de Trazo, saíndo de Castrillón e terminando en Portomeiro.
  • Ruta das Mámoas: 27 de maio. De 16 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Cabana, sendo a saída na Piolla e rematando na Penela.
  • A Costa agreste de Cerqueda e Cambre: 3 de xuño. De 17 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Malpica e é a única ruta costeira e circular, con saída e chegada en Cambre.
  • Senda das Capelas: 10 de xuño. De 15 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello da Laracha, sendo a saída en Santa Margarida e rematando no Igrexario.

Os interesados/as poden descargar un tríptico con información das rutas nesta mesma nova nun documento en pdf.

Compartir: