Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras da nova Biblioteca Municipal marchan...

O ALCALDE E O ARQUITECTO DO PROXECTO VISITARON O EDIFICIO

As obras da nova Biblioteca Municipal marchan segundo os prazos previstos e estarán listas a finais de ano

Xoves 22 de marzo do 2012

A nova Biblioteca de Carballo será un espazo público que contará numerosos servizos, ademais da almacenaxe e empréstito de libros. Así, contará con mediateca de audio e vídeo e unha zona pensada para os máis cativos e cativas para que os bebés poidan gatear, e incluso cunha área para cambiar os cueiros. Os adultos contarán cunha zona de hemeroteca con máquina de café, accesos a Internet e todos os elementos que fagan o lugar atractivo para desfrutar del. O soto estará destinado a un arquivo con capacidade para máis de 3.000 libros, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. Ademais do espazo aberto de consulta e lectura, crearase unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais e para as actividades dun club de lectura ou contacontos. O edificio estará equipado coas últimas tecnoloxías, incluíndo detalles como a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ter acceso a videoxogos, cunha área de cómics e un espazo para literatura xuvenil. Está previsto que o acabado do edificio, rodeado por unha pequena zona verde, se realice en pranchas verticais de cerámica.

Compartir: