Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Club Ciclista Carballo retoma o ciclo de rutas...

PRIMEIRA CITA: SÁBADO 24 DE MARZO

O Club Ciclista Carballo retoma o ciclo de rutas "Coñece o teu Concello" con catro percorridos polas parroquias carballesas

Xoves 22 de marzo do 2012

Todas as rutas son en sábado a partires das 16.00 horas con saída na Praza do Concello, aínda que a organización recomenda estar un pouco máis cedo no punto de encontro. A Ruta 2, de dificultade media e 19,5 quilómetros, visita Artes, Sofán, Berdillo e Bértoa o sábado 31 de marzo. A Ruta 3, que ten lugar o sábado 7 de abril, conta con 27 quilómetros de lonxitude, é de dificultade media e transcorre por Ardaña, Rus e Entrecruces. Por último, o sábado 28 de abril celébrase a última Ruta, a 4, de 32 quilómetros de lonxitude, dificultade media e que realiza un percorrido pola costa: Razo, Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela. Cada participante recibirá información da ruta e unha explicación do percorrido e dos bens históricos que se van visitar. A organización recomenda o uso do casco. As rutas contarán coa supervisión e colaboración de Protección Civil e da Policía Local, pero cando o percorrido sexa por estradas, as vías estarán abertas ao tráfico, polo que deberán respectarse as normas de circular pola dereita e como moito en fila de a dous. Recoméndase tamén levar roupa de abrigo se o día non é soleado, levar auga e accesorios para reparar unha picada (cámara e bomba de aire).

Juan Seoane quixo agradecer a colaboración de Placasa e de Panadería Añón e Informática Iglesias como patrocinadores da iniciativa. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere resaltar que en Carballo hai un importante número de xente afeccionada á bicicleta, así como un tanto por cento moi elevado de persoas que practican calquera deporte de xeito habitual, polo que é necesario seguir apoiando este tipo de iniciativas. Ferrero tamén realizou un chamamento ao tecido empresarial carballés "para que siga colaborando co deporte e a cultura". Os interesados e interesadas poden descargar o tríptico informativo da primeira ruta, así como o cartel anunciador da iniciativa, en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: