Inicio Carballo ao día Hemeroteca Premiados de Madrid, Barcelona ou Pontevedra...

A EXPOSICIÓN: NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 30 DE ABRIL

Premiados de Madrid, Barcelona ou Pontevedra recollen os galardóns do XIV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Venres 23 de marzo do 2012

Respecto do resto do palmarés, é o seguinte:

  • Primeiro Premio: dotado con 700 euros e diploma para a fotografía que leva por título ""Paseo no río Lérez" presentada por Alberto Pousa Torres, de Pontevedra. No seu discurso de agradecemento subliñou, lembrando a Schopenhauer, que "non sempre as cousas se outorgan a quen máis o merece, senón ao que sabe pedilas con máis insistencia", e agradeceu o traballo do xurado.
  • Segundo Premio: dotado con 450 euros e diploma para a fotografía que leva por título "Comercio fluvial" presentada por José Luis Morales Martín, de Madrid. Morales explicou que a imaxe foi tomada en Exipto, a uns vendedores que viu durante un cruceiro polo río Nilo. A luz e a composición da imaxe animárono a presentala ao certame. Desexou que concursos como este poidan seguir celebrándose moito tempo.
  • Premio Especial Carballo: dotado con 450 euros e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Chove en Razo" presentada por José López Pérez, de Santiago de Compostela, que quixo subliñar a importancia de que se organicen este tipo de actividades e manifestou a súa intención de seguir cultivando "este apasionante hobby que para min é a fotografía".
  • O xurado tamén decidiu outorgar dous Accésits dotados con 125 euros cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía "Se me olvidó que te olvidé" presentada por Carlos García Barrio, de Barcelona; e á fotografía "A Rúa" presentada por Guillermo Pío Gribeiro Malvido, de Pontevedra.

A entrega de premios e a inauguración da exposición das obras do XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís contou coa presenza de representantes do xurado, como son Manuela Rodríguez Castro (en representación da AC San Cristovo); e Marcos Rodríguez Cotelo (fotógrafo profesional e gañador do primeiro premio na XII edición). Estiveron de Pilar Eirís e Feliciano Eirís en representación da familia de Xosé Manuel Eirís; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e numerosos membros da corporación, veciños e veciñas. O xurado, que repartiu 1.850 euros en premios, tamén estivo formado pola Concelleira de Cultura, por Ángel Cordero Gómez (profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña), César Fernández Jiménez (profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Ánxeles Novas Fernández (arquitecta, galerista e profesora de debuxo), e María del Carmen Castro Pombo (animadora cultural do Concello de Carballo). A denominación de 'Xosé Manuel Eirís' para esta cita provén do recoñecemento que o Concello e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do noso patrimonio cultural e pola participación da cidadanía neste proceso de desenvolvemento.

Compartir: