Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno da corporación ratifica a...

UNANIMIDADE PARA A SALA DE EXPOSICIÓNS ALBERTO GENDE

O pleno da corporación ratifica a adhesión do Concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Martes 27 de marzo do 2012

Os outros dous puntos de relevancia recollidos na orde do día recibiron o visto e prace por unanimidade de todos os membros da corporación. O primeiro deles foi unha proposta para nomear como Praza dos Bombeiros Voluntarios o espazo libre existente na faciana principal do complexo Fórum Carballo no barrio da Milagrosa. Este espazo carece de nome neste momento e será un lugar que terá relevancia futura como acceso principal ao novo complexo administrativo e de formación. Con este acordo, revócase a resolución do pleno municipal do 31 de xaneiro de 2011 polo que se nomeaba a intersección da Rúa Perú coa Ponte da Pedra como Glorieta dos Bombeiros Voluntarios. O segundo, foi unha moción presentada polo PP pola que se propuxo ao pleno, en recoñecemento á traxectoria artística e compromiso persoal coa difusión da actividade cultural de Carballo do artista Alberto Gende, denominar a sala de exposicións do Pazo da Cultura de Carballo como Sala de Exposicións Alberto Gende. Deste xeito valórase a súa traxectoria, especialmente en pintura e deseño gráfico, así como que puxera a disposición o seu talento creativo para a mellor proxección de Carballo.

Dentro do seguimento de órganos de goberno acordouse, co beneplácito de todos os grupos, a comparecencia na próxima sesión plenaria, previsiblemente a ordinaria do mes de abril, da Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro co fin de que explique as medidas se van a tomar no ano 2012 para corrixir o remanente líquido de tesourería negativo de 1,8 millóns de euros, así como a liquidación negativa do orzamento de 2011. Por último, ao remate da sesión tamén compareceu o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, para expoñer as obras e servizos contratados ou en execución durante o primeiro trimestre de 2012.

Compartir: