Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo colabora coa celebración da...

ENTRE AS 20.30 E AS 21.30 HORAS NO MARCO DUNHA CAMPAÑA MUNDIAL

Carballo colabora coa celebración da "Hora do Planeta" cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 31 de marzo

Mércores 28 de marzo do 2012

Así, a "Hora do planeta" vén de adquirir nos últimos tempos un compromiso máis permanente invitando aos cidadáns e ás institucións a ir máis aló, e a adoptar medidas de aforro enerxético durante todo o ano co obxecto de crear un modelo de vida máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Nese sentido, WWF/Adena propón que as administracións incorporen criterios de eficiencia enerxética con accións como a substitución das luminarias públicas por lámpadas LED, o emprego de lámpadas e ordenadores de baixo consumo ou a aposta polas enerxías renovables. Hai que mencionar que o Concello de Carballo vén de poñer en marcha unha serie de medidas para reducir o gasto en consumo eléctrico do alumeado público. Así, en 2011 instaláronse reloxos astronómicos e redutores de fluxo para regular os arredor de 8.000 puntos de luz existentes no municipio. No primeiro caso, os reloxos calculan automaticamente a hora de saída e ocaso do sol para regular o acendido e apagado dos puntos de luz. Pola súa banda, os redutores fan que a determinadas horas en que se incrementa a intensidade de luz natural baixe a intensidade lumínica dos focos.

Estas medidas implican un mínimo de media hora menos por foco ao día de consumo eléctrico, o que supón un mínimo de 4.000 horas menos de gasto diario e de 1.460.000 horas menos anuais de consumo global tendo en conta todos os puntos de luz do municipio. Outras medidas de aforro no gasto en alumeado adoptadas polo Goberno local consisten no emprego de luces LED de baixo consumo tanto nos semáforos como no alumeado festivo. Así mesmo, nos últimos anos téñense instalado paneles solares para mellorar a eficiencia enerxética de varias instalacións municipais, nomeadamente as piscinas. No que respecta á colaboración cidadá, ademais de apagar as luces e os electrodomésticos das súas vivendas o sábado 27 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas, WWF/Adena invita aos veciños e veciñas a introducir nos seus fogares as lámpadas e electrodomésticos de baixo consumo ou a difundir a campaña entre familiares e coñecidos. As empresas tamén poden participar paralizando a súa actividade enerxética á hora sinalada.

Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo consultando a páxina web da "Hora do planeta", nesta mesma nova.

Compartir: