Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais pechan a súa andaina...

VENRES 30 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

Os Venres Culturais pechan a súa andaina con Teatro do Atlántico e "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)"

Mércores 28 de marzo do 2012

Respecto do argumento, na procura de información sobre a personaxe que deberá interpretar, unha estudante de arte dramática visita a tres veteranas actrices que na súa xuventude foran discípulas da actriz e mestra xa desaparecida Encarna Ribera. Cada unha posúe a súa verdade sobre E.R. e o sucedido ao redor dela. A envexa e o rancor transitan coa tenrura e o afecto completando esas tres verdades nunha historia na que tamén están presentes o medo ao paso do tempo, ao fracaso ou á soidade. Unha historia con sorpresas que nos atrapará a medida que os acontecementos a complican. Un espectáculo conmovedor sobre tres mulleres que tomaron camiños diferentes en función das súas diferentes maneiras de entender a vida e a arte. Teatro do Atlántico contitúese no ano 1985. Os seus espectáculos represéntase fundamentalmente por toda Galicia, realizando tamén xiras por case todas as autonomías do Estado español, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de teatro, empregando sempre a língua galega. Coa produción de" Memoria de Helena e María", de Roberto Salgueiro, a compañía celebra o seu XXV aniversario e da comezo á súa XXVI temporada. "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)" foi estreada no Pazo da Cultura de Narón en outubro de 2011.

Compartir: