Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera enDanza cumpre dez anos de fomento da...

ENTRE O 14 E O 29 DE ABRIL

Primavera enDanza cumpre dez anos de fomento da danza contemporánea ofrecendo seis espectáculos no Pazo da Cultura

Martes 3 de abril do 2012

A programación do auditorio conta con cinco compañías, dous galegas e tres de País Vasco, Aragón e Andalucía. Compleméntase cun sexto espectáculo incluído no programa Letras Vivas da Xunta de Galicia que ten lugar o venres 13 de abril ás 18.00 horas. A Compañía Traspediante presenta "Baila un vestido verde" nun espectáculo gratuíto de pequeno formato dirixido a público de entre 3 e 10 anos. O resto da programación, con cobro de entrada, é a seguinte:

  • Sábado 14 de abril, 21.00 horas: Entremans presenta "Blondy's Coffee". Trátase dunha peza para dúas mulleres na que as bailarinas representan nove esceas acompañadas de imaxes audiovisuais. Esta compañía galega xa ten visitado Carballo en varias ocasións. Prezo: 2,5 euros (2 € con desconto).
  • Venres 30 de abril, 21.00 horas: Os vascos Natxo Montero Danza ofrecen "Carni di prima cualitá". A compañía deste recoñecido coreógrafo visita Carballo por primeira vez nunha proposta arriscada e sen artificios. Prezo: 3,5 euros (2,5 € con desconto).
  • Sábado 21 de abril, 20.00 horas: A compañía de Aragón La mov. Cía de danza estréase en Carballo con "La Cenicienta". Trátase dunha versión da historia de Perrault para todos os públicos e que conta cun aire neoclásico, apostando por achegar os personaxes ao espectador. Prezo: 5 euros (3,5 € con desconto).
  • Venres 27 de abril, 21.00 horas: Catro compañías galegas, Sólodos, La Macana, Pisando ovos e Quique Peón Cía, únense para propoñer "Seisdecatro". A proposta explora os límites do real e o irreal para crear un espectáculo que rompa fronteiras. Prezo: 3,5 euros (2,5 € con desconto).
  • Domingo 29 de abril, 18.00 horas: Da.Te Danza, de Andalucía, presentan o espectáculo En Familia "Río de Luna". Dous bailaríns utilizan a tenrura e a imaxinación para descubrir que todo é novo e que pode transformarse nunha marabillosa historia. Prezo: 2,5 euros (2 € con desconto).

Actividades paralelas e venda de bonos

A programación de Primavera enDanza compleméntase con actividades paralelas. Entre elas, hai que subliñar a exposición "Evanescencias", que estará na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura entre o 16 e o 24 de abril en horario de 18.00 a 21.00 horas. Trátase dunha colección fotográfica que inspirou o espectáculo "Blondy's Coffee" de Entremáns. Así mesmo, do 10 ao 24 de abril a mesma sala de exposicións do andar -1 acolle unha mostra de Videodanza tamén sobre o espectáculo de Entremans que inclúe as vídeo creacións que se proxectan durante "Blondy's Coffee". Durante a celebración do festival de danza, haberá presentacións especiais dos espectáculos o mesmo día das actuacións en distintos lugares das rúas carballesas. A primeira é o sábado 14 de abril ás 13.00 horas no Xardín Municipal, con Entremáns. Pechando as actividades paralelas podemos atopar a xa habitual actividade "Como se crea un espectáculo de danza?", un encontro entre público, bailaríns e coreógrafos ao remate de cada espectáculo, no que se abre un coloquio sobre danza e sobre a proposta presentada.

Respecto da venda de bonos e reserva de entradas, poderá realizarse nas oficinas do Pazo da Cultura a partires do luns 9 de abril de 11.00 a 14.00 horas. Tamén existe a venda directa no despacho de billetes do Pazo da Cultura dúas horas antes do comezo de cada actuación. O Bono custa 12 euros (prezo reducido de 9 €) e da dereito ao acceso de todos os espectáculos excepto o de Da.Te Danza. Máis información no 981 704 300 ou descargando o programa ao completo de Primavera enDanza en pdf nesta mesma nova.

Compartir: