Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Xesús San Luís Romero celebra o...

O ACTO CONMEMORATIVO CONTOU CON MUSICA, ARTESANÍA E HISTORIA

O Xesús San Luís Romero celebra o seu 18 aniversario lembrando ao escritor e zapateiro que serviu para bautizar o colexio

Xoves 13 de xuño do 2013

O acto contou coa presenza de numerosos alumnos e alumnas, e algúns deles foron os encargados de ir presentando as diferentes actividades que se sucederon durante o acto. Tamén estiveron, ademais de profesores do centro, representantes da Asociación Lumieira, a Concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, e houbo que lamentar a ausencia de Luís San Luís Romero, sobriño do homenaxeado, que finalmente non se puido achegar a Carballo. A directora do CEIP Xesús San Luís Romero tamén aproveitou a oportunidade para defender a cadea que o colexio ten en marcha para poñelo en valor, con distintos actos entre os que se encontra a celebración deste aniversario. E quixo agradecer especialmente a axuda de compañeiros e compañeiras doutros centros "que cando se critica ao colexio saen a dar a cara por nós". A mañá de conmemoracións rematou cuns pequenos pinchos nas instalacións do propio colexio. Respecto dalgunhas das claves da biografía de Xesús San Luís Romero, que dende o centro consideran que é un gran descoñecido para os veciños e veciñas da vila, hai que subliñar que de neno non tivo a oportunidade de estudar, xa que aos 12 anos comezou a axudar ao seu pai no oficio de zapateiro.

Porén, adoitaba ler moito, especialmente os libros da biblioteca do Pazo de Vilardefrancos, que visitaba de cotío. En 1892 viaxa a Bos Aires, como moitos galegos e galegas emigrantes, onde traballa moito tempo de operario en fábricas de calzado. Despois dun tempo volve a Galicia e xa se instala en Compostela, onde se converte nunha importante figura da vida política e social, e onde sufre as consecuencias da Guerra Civil e da ditadura polas súas ideas galeguistas, sendo encarcerado, desterrado e estando prohibida a publicación dos seus escritos. Como escritor, destacou como poeta, pero tamén como dramaturgo, sendo "O fidalgo" unha das súas obras clave, xa que é un dos espectáculos teatrais máis representados na historia de Galicia. En 1956, con 84 anos, é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, pero non chega a ingresar. Finou en Santiago no ano 1966, aos noventa e catro anos de idade.

Compartir: