Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Festival PopUp espera conectar a música,...

A FIN DE SEMANA DO 4, 5 E 6 DE XULLO

O Festival PopUp espera conectar a música, a cultura, o deporte e a natureza con Lori Meyers como cabeza de cartel

Venres 14 de xuño do 2013

O festival compleméntase co deporte, con posibilidades como volei praia, balonmán na praia ou surf. No primeiro caso, a Escola de Voleibol Xiria colabora na creación dun campionato de volei praia, o I Torneo PopUp (5 e 6 de xullo) no que "intentaremos conseguir as mellores parellas de Galicia", segundo o organizador Rosalino Mariño. Está previsto que haxa premios en metálico por importe de 1.000 euros, ademais de trofeos para os primeiros clasificados en categorías masculina e feminina senior, coa competición artellada arredor de dous grupos de 16 equipos cada un. No caso do balonmán, a Escola Balonmán Xiria é a encargada de crear este torneo con 900 euros en premios, tamén os días 5 e 6 de xullo, contando con arredor de 15 equipos, segundo explica Marcos Seijido, das Escolas Xiria. Cada equipo terá unha cota de inscrición de 100 euros e a proba está incluída no calendario da Federación Galega de Balonmán Praia. Por último, o apartado de surf conta coa colaboración da Federación Galega. O presidente, Jose Rodríguez, subliñou a boa sintonía que existe entre os festivais e o surf e espera que as ondas non fallen os días da proba, puntuable para o circuíto galego. Así, o 5 e 6 de xullo visitarán o areal os mellores surfistas galegos de todas as idades. Colaboran coa cita Art Surf Camp e Teiron.

Por último, hai que subliñar que o festival contará coa colaboración de Cruz Vermella. Laura de la Cruz, representante da ONG, explicou que a entidade aproveitará a oportunidade para captar voluntarios e voluntarias, e dar a coñecer o seu labor, "demostrando que Carballo é solidario, sobre todo entre a mocidade". Outros detalles que a organización quere mencionar son que está previsto que arredor da zona do festival haxa un espazo dispoñible para contar con ata tres días de acampada, ademais de que se habilitará unha zona chill out para que os festivaleiros poidan relaxarse e tomar algo. A cita conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Carballo e Carballo Deporte. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a importancia do festival como un xeito de "poñer a Carballo no mapa dos grandes eventos musicais galegos", e quixo transmitir os seus parabéns á organización por "apostar por Razo e por Carballo". Por último, desexou que esta primeira edición sexa a primeira "dunha longa, longa listaxe de eventos PopUp".

Os interesados en obter máis información poden facelo no web do festival: <www.festivalpopup.com>

Compartir: