Inicio Carballo ao día Hemeroteca A praia de Razo acolle tres torneos de Volei...

COMPETICIÓNS: OS DÍAS 6 E 27 DE XULLO E 18 DE AGOSTO

A praia de Razo acolle tres torneos de Volei Praia este verán, ademais das xa habituais Escolas de Volei na explanada

Venres 21 de xuño do 2013

Tamén hai que lembrar que as Escolas de Volei Praia teñen lugar cada tarde entre as 16.00 e as 20.00 horas, aproximadamente, e que están abertas para todas as idades e para calquera que queira probar o volei. Ademais, contan coa supervisión dun monitor. Así mesmo, Rosalino Mariño subliña que durante os torneos de volei está previsto colaborar coas escolas de surf da praia de Razo, Art Surf Camp e Raz Surf Camp, para alternar ambas disciplinas, ademais de tentar introducir tamén ao longo do verán o tenis praia. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que estivo na cita xunto con Uxía García, co organizadora dos torneos e das escolas, e Iván Barreiro, de Alquileres Reneymar, quixo transmitir os seus parabéns á entidade pola súa iniciativa, que comezou hai xa seis anos. "Temos unhas praias excelentes para pasear, bañarse e tamén para practicar actividades deportivas", subliña Trigo, que desexa que Razo acabe sendo tamén un "referente" para o volei praia. Pero ademais de para o volei praia, Razo é un escenario ideal para outros moitor deportes que se practican especialmente durante o verán, como poden ser o surf ou o balonmán.

Así, os días 6 e 7 de xullo, e coincidindo co Festival PopUp, as Escolas de Balonmán Xiria e a Federación Galega de Balonmán ten previsto organizar o II Campionato de balonmán praia. E neses mesmos días, a Federación Galega de Surf ten previsto organizar a terceira proba do open de surf do Circuíto Galego 2013 e a terceira proba infantil e xuvenil de surf do circuíto 2013 na praia de Razo. Por último, o día 21 de xullo a Federación Galega de Surf ten previsto organizar a primeira Proba do Circuíto Interescolas 2013. Razo, por tanto, converterase durante todo o verán nun espazo ineludible para os amantes do ocio e do deporte. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador das actividades de volei praia da Asociación Costa da Morte nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: