Inicio Carballo ao día Hemeroteca As alegacións presentadas ao PXOM de...

A COMISIÓN DE URBANISMO VOLVERÁ A REUNIRSE O 3 DE XULLO

As alegacións presentadas ao PXOM de Carballo afectan a preto de 3.000 parcelas, a maioría delas situadas no medio rural

Venres 14 de xuño do 2013

Na zona rural, a solicitude máis habitual é a de incorporación de parcelas a licenza de obra directa. O equipo redactor que dirixe Fernández Carballada ten clasificado este tipo de peticións en catro rangos: parcelas lindeiras sobre viario estruturante (rango 1); parcelas lindeiras sobre viario non estruturante (rango 2); parcelas sen fronte á vía pública e incluídas en actuacións integrais (rango 3); e por último parcelas non lindeiras (rango 4). Na próxima xuntanza da Comisión de Urbanismo, prevista para o mércores 3 de xullo, estudaranse as alegacións incluídas nos rangos 1 e 4 dos mencionados anteriormente, de tal xeito que, despois dunha intensa fase de estudo, comezará o proceso de resolución de alegacións. Respecto das vivendas que quedan fóra de ordenación por mor das alturas, un dos asuntos dos que máis se ten falado, decidiuse por unanimidade que esta situación, que afecta a 478 vivendas repartidas en 266 parcelas, abordarase cando se remate co traballo en todo o resto do documento. En todo caso, no casco urbano carballés, os datos indican que hai 5.851 parcelas en solo urbano consolidado, das que 3.626 están edificadas e 2.225 sen edificar, co que a vila conta cunha elevada porcentaxe de solo clasificado.

Por último, durante a reunión entregóuselles aos representantes de todos os grupos toda a información pertinente nun CD, no que, ademais do informe, tamén están incluídos os planos cunha clasificación sobre cada parcela na que se indica o número de alegación, a súa natureza, etc., así como uns criterios xerais nos que basearse para estimar ou desestimar cada alegación. Cada grupo da corporación deberá agora estudar os datos en profundidade para que o proceso de resolución de alegacións poida comezar o 3 de xullo.

Compartir: