Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Carballo a un paso" nace para, unindo...

NOVO WEB, GUÍA, STANd INFORMATIVO E VÍDEO PROMOCIONAL

"Carballo a un paso" nace para, unindo os esforzos dos sectores público e privado, posicionar o municipio no mercado turístico

Venres 14 de xuño do 2013

Unha das principais patas do proxecto é o web <www.turismocarballo.com>. Creouse coa arela de ser un instrumento dinámico e moi visual, tratando de chegar tamén á xuventude co obxectivo de promocionar as potencialidades de Carballo, pero tamén colaborando co sector hostaleiro para, segundo Regueira, promocionar os produtos que as empresas queiran poñer no mercado. Dende Abertal, responsable da elaboración do web, sinalan que ten contidos moi intuitivos, cunha parte con información orientada a proxectar o municipio cara ao exterior, pero tamén cun apartado de "Experiencias", centrado en plasmar a colaboración entre o sector público e o privado para facer que a páxina capte clientes potenciais. O web centraliza a información e logo a focaliza nas redes sociais para interactuar, especialmente cos visitantes, a través de Facebook, Twitter, Flickr, etc. Xosé Regueira quixo destacar os coidados textos da xornalista Belén Puñal. Dentro das novas tecnoloxías, tamén hai que mencionar a introdución de códigos QR en varios puntos de referencia fundamental en Carballo, como a Ruta das Férvedas, o Fórum, o Pazo da Cultura, a Ponte Lubiáns e outros moitos lugares. Todos a través dunha ferramenta que é accesible para calquera que teña un móbil.

Outras das patas fundamentais é a nova Guía turística de Carballo, elaborada polo coñecido estudioso Xan Fernández Carrera, que pretende, en verbas do seu creador "sintetizar a información xeográfica, histórica e cultural de todo o municipio nunha publicación, ademais de promocionar a vila e o Concello de Carballo como destino turístico". En canto á estrutura, conta cun apartado dedicado ao Concello no que fala da súa situación privilexiada, do bo clima, da paisaxe atractiva e variada -de costa e interior-, dunha poboación repartida, de terras ricas e farturentas, dunha historia milenaria -que se remonta á prehistoria-, dun rico patrimonio artístico e da súa artesanía. O segundo apartado reflicte a historia concreta da vila, engadindo unha ruta polo núcleo dende a Lagoa aos Baños Vellos. O terceiro apartado inclúe catro rutas polo Concello: ruta norte pola costa carballesa; ruta oriental pola cunca do Río Rosende; ruta sur polo val do río Taboada; e ruta occidental pola ribeira do Anllóns. Esta sección compleméntase con rutas dende o Concello: ruta 1, Carballo e a Costa da Morte; ruta 2 Carballo e Santiago de Compostela; ruta 3 Carballo e A Coruña. Por último, a guía péchase cun apartado práctico con información relevante sobre gastronomía, festas, actividade cultural e deportiva, lingua, Carballo de noite, onde comer e onde durmir.

Mellora da sinaléctica, punto de información e stand turístico

Outro os obxectivos é facer o municipio máis alcanzable para os visitantes. Para iso, o proxecto recolle a mellora da sinalización do casco urbano, facéndoa máis sinxela e moderna, un proxecto que está en fase de licitación. O obxetivo, segundo Regueira, que a xente deixe de perderse cada vez que vén a Carballo. Ademais, instalouse un atractivo punto fixo de información turística do Fórum Carballo, no hall da nave 1, e un stand móbil para levar a congresos, ambos dotados cun rico banco de imaxes que amosa o mellor da paisaxe, o patrimonio e a arquitectura do municipio. Unas imaxes plasmadas nun novo folleto turístico e que se completan co vídeo "Carballo a un paso" de Mamá Lola Estudios, que se colgou en Youtube hai pouco tempo e que "xa está en boca de practicamente todo Carballo", segundo Regueira. Trátase dun traballo moi divertido no que se amosan algúns dos principais atractivos turísticos do municipio, como as férvedas, a praia, o surf, a feira, os comercios, a gastronomía ou o balneario, todo nun ton cheo de humor. Os interesados poden velo ao final desta mesma nova a través de Youtube.

A presentación deste completo proxecto de promoción turística contou coa presenza, ademais do Alcalde e do Concelleiro de Promoción Económica, do autor da Guía Turística, Xan Fernández; de Xosé Manuel Santos, director do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas) que quixo transmitir os seus parabéns ao Concello e a todo o municipio por seguir apostando polo turismo; e de numerosos representantes do sector turístico, empresarial e hostaleiro da vila, con especial presenza das principais persoas implicadas en "Carballo a un paso". Un proxecto, segundo o Alcalde, que "co esforzo e compromiso" da sociedade e do sector turístico" sairá adiante sacándolle "todo o proveito que unha páxina, unha guía e outras numerosas ferramentas poñen á vosa disposición".

Compartir: