Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello sacará a concurso o subministro...

OS VOCEIROS MUNICIPAIS ESTUDARON A DOCUMENTACIÓN DO PREGO

O Concello sacará a concurso o subministro e mantemento do alumeado público por 12 anos e un importe de 11 millóns de euros

Mércores 19 de xuño do 2013

A empresa concesionaria, ademais de asumir a renovación e mantemento das instalacións, deberá de achegar equipamento como un camión grúa, realizar unha análise da rede actual, dotar os recursos humanos necesarios para o mantemento, instalar un software para o control telemático do alumeado, etc. Así mesmo, ademais da instalación da tecnoloxía LED para a redución do consumo, deberán implantarse outras medidas, como a baixada na intensidade do alumeado a horas en que a máxima potencia non sexa imprescindíbel, como de 1.00 a 6.00 horas. A empresa concesionaria debería asumir a xestión enerxética do subministro, control de calidade, cantidade e uso; o mantemento preventivo e condutivo das instalacións; a reparación, substitución ou modificación dos elementos obxecto do contrato por fin de vida útil ou obsolescencia; a realización e financiamento das obras de mellora que fomenten o aforro e eficiencia enerxética; e a incorporación doutras medidas a maiores que fomenten o aforro de enerxía. A prestación do servizo enerxético revisaríase anualmente, segundo a variación das tarifas eléctricas, e o contrato recollería fórmulas de reaxuste por incremento ou diminución de puntos de luz ou centros de mando. Está previsto que toda a documentación sexa avaliada na comisión informativa do mércores 26 de xuño co obxectivo de que o prego poida ser aprobado polo pleno da corporación.

Compartir: