Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do deslinde co...

EXPEDIENTE PARA A CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO ENERXÉTICO

O pleno aborda a aprobación do deslinde co Concello da Laracha e a disolución do Padroado Deportivo Municipal

Venres 28 de xuño do 2013

O Padroado Deportivo Municipal disólvese despois de 30 anos de vida, xa que naceu en decembro de 1983. O Alcalde destaca que este é un bo momento para simplificar a administración e realizar este cambio, especialmente nun exercicio en que nin o Concello nin o Padroado contan con débeda algunha. Subliña que a filosofía deportiva municipal non cambiará, seguindo fomentando "o deporte de base a través das escolas deportivas" e asegura que a presenza das entidades na xestión seguirá presente coa creación cun Consello Municipal de Deportes a través do Regulamento de Participación Cidadá, que funcionará como órgano consultivo. Ferrero espera que, despois de todos os trámites -incluíndo a exposición pública-, a extinción sexa efectiva a finais de 2013 e que a efectos contables empece a aplicarse en 2014. Outro dos asuntos do pleno é a aprobación do deslinde dos termos municipais da Laracha e Carballo. Ferrero explica que foi un proceso "moi harmonizado dende o principio" e, aínda que se dilatou bastante no tempo "non foi motivo de debate". O expediente remóntase a setembro de 2008, e dende entón realizouse un exhaustivo traballo de identificación e localización dos marcos que rematou cun acordo unánime da comisión de deslinde, acordo que agora se somete á aprobación plenaria. O deslinde afecta na súa maior parte a leiras, montes e pistas forestais, con moi poucas vivendas afectadas.

Subministro enerxético e directiva Bolkestein

Un dos asuntos fundamentais na orde do día é a luz verde para o expediente de contratación dos servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións e alumeado público exterior mediante un contrato mixto de servizos e subministro do Concello de Carballo. Segundo o Alcalde, o obxectivo do prego de condicións, que contou cunha laboriosa e longa elaboración, é "acadar as mellores garantías para o futuro do Concello". A compañía adxudicataria asumiría, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible; e por outro o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo, cun custo de máis de tres millóns de euros e cun aforro previsto de entre o 60 e o 80 por cento no consumo. As condicións do prego xa teñen sido expostas diante dos voceiros dos grupos municipais en dúas reunións cos técnicos e preténdese acadar un aforro de preto de 150.000 euros ao ano na factura. Coa aplicación dunha serie de medidas técnicas e de xestión enerxética, o custo anual sería de 830.000 euros durante a a vixencia do contrato, co que o importe total do contrato durante os doce anos previstos para a súa duración sería de preto de dez millóns de euros.

Por último, a sesión recolle a aprobación inicial da Ordenanza Municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e da realización de determinadas obras menores. A ordenanza fora presentada no pleno ordinario do mes de abril de 2013, pero despois do período de exposición pública incorporáronse varias modificacións por parte da Oficina Técnica Municipal. Por ese motivo, decidiuse reiniciar o proceso e sometela de novo, coa incorporación dos cambios, á aprobación inicial do pleno. Esta ordenanza supón a aplicación da Directiva europea Bolkestein, tamén coñecida como Directiva de servizos. Aínda que foi aprobada en 2006, non foi ata hai pouco que as administracións estatal e autonómica aplicaron as directrices desta normativa, polo que o Concello non puido incorporala até o de agora ás normas municipais. Entre os cambios que supón, está o feito de que os establecementos que queiran iniciar a súa actividade e que non estean sometidos a un informe sectorial só teñan que comunicarllo ao Concello, sen máis xestións. O obxectivo final da normativa é contribuír a axilizar trámites administrativos.

Compartir: