Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno ratifica por unanimidade o deslinde co...

LUZ VERDE PARA O PREGO DE CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO ENERXÉTICO

O pleno ratifica por unanimidade o deslinde co Concello larachés e aproba a disolución do Padroado Deportivo Municipal

Martes 2 de xullo do 2013

Co apoio de todos os grupos políticos e a abstención do PP saíron adiante os outros dous asuntos incluídos na orde do día. Así, acordouse a disolución e extinción do Padroado Deportivo Municipal, un proceso destinado a simplificar a administración e a optimizar esforzos, pero que non suporá ningunha variación substancial na xestión deportiva municipal. Unha vez a extinción sexa definitiva, a actividade deportiva será directamente xestionada pola Concellaría de Deporte e o persoal do Padroado incorporarase á RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello, ademais de que os seus bens xa forman parte do Inventario Municipal. A nova xestión segue a asegurar a participación das entidades deportivas do municipio coa creación dun Consello Municipal de Deportes a través do Regulamento de Participación Cidadá, que funcionará como órgano consultivo. O Padroado Deportivo disólvese despois de 30 anos de vida, xa que naceu en decembro de 1983.

Por último, contou coa aprobación do pleno o expediente de contratación dos servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións e alumeado público exterior mediante un contrato mixto de servizos e subministro do Concello de Carballo. O período de adxudicación sería de 12 anos e o importe total do contrato de preto de dez millóns de euros. A compañía adxudicataria asumiría, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible; e por outro o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo, cun custo de máis de tres millóns de euros e cun aforro previsto de entre o 60 e o 80 por cento no consumo. As condicións do prego xa teñen sido expostas diante dos voceiros dos grupos municipais en dúas reunións cos técnicos e preténdese acadar un aforro de preto de 150.000 euros ao ano na factura. Coa aplicación dunha serie de medidas técnicas e de xestión enerxética, o custo anual sería de 830.000 euros durante a a vixencia do contrato.

Compartir: