Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo aborda as claves da planificación...

UNHA VINTENA DE PERSOAS ASISTEN Á CITA NO FÓRUM CARBALLO

Carballo aborda as claves da planificación e xestión turística por terceiro ano consecutivo no Curso de Verán da UDC

Mércores 3 de xullo do 2013

O curso dura tres xornadas entre o mércores 3 e o venres 5 de xullo e está dividido en cinco sesións de traballo, cada unha abordando un tema distinto. As dúas primeiras tiveron lugar na primeira xornada: a Innovación tecnolóxica e as TICs ao servizo dos destinos e produtos turísticos; e a Dirección, planificación e promoción do turismo en espazos urbano culturais. As seguintes son, en terceiro lugar, a Dirección, planificación e promoción do turismo rural, activo e de natureza; en cuarto, o Emprendemento e xestión empresarial en proxectos turísticos; e, por último, a Planificación e xestión dos recursos turísticos: instrumentos de cooperación a favor do desenvolvemento sostible. Os encargados de abrir o curso foron Tirso Maldonado de Witcamp e Diego Pons de Viajando con Diego, que abordaron o "Marketing 2.0: exemplos de solucións tecnolóxicas e innovación turísticas". Maldonado abordou as claves para transformar o tráfico xerado en redes sociais e os impactos publicitarios que ofrecen as novas tecnoloxías nun produto que consuman os clientes, ademais de favorecer a súa fidelización e incluso acadar que se convertan en posibles "influenciadores" que falen ben do noso produto. Combinar todos os canais dispoñibles, potenciar os contidos e a creatividade e aproveitar todas as posibilidades gratuítas que ofrecen as novas tecnoloxías son só algunhas das claves que ofreceu nunha conferencia dinámica que presentou moitas das ferramentas fundamentais que están a disposición dos profesionais.

O "travel blogging"

Pola súa banda, Diego Pons contou a súa experiencia persoal, de como pasou en tan só catro anos de ser un guitarrista recoñecido que traballou con artistas como Marta Sánchez ou Miguel Bosé, a converterse nun video blogger que realiza pezas audiovisuais de promoción turística en lugares de todo o mundo. No seu canal de Youtube Viajando con Diego plasma o seu traballo, que xurdiu grazas a ter a convicción de contar cun produto e crer nel, aproveitando as redes sociais Facebook ,Twitter e Youtube para vendelo e posicionarse no mercado. A clave das súas pezas está na espontaneidade, en transmitir una experiencia divertida e tamén en ofrecer algo diferente ao que venden as produtoras audiovisuais tradicionais, ademais da inmediatez do traballo, que pode subirse á rede moi rapidamente. A primeira xornada pechouse con Rubén Bastón, de elogia.net que falou da "Xestión da promoción e comercialización turística en medios e redes sociais"; con Manuel de la Calle Vaquero, da Universidade Complutense de Madrid, que falou sobre "A dimensión turística das cidades: tipos de destino, liñas de produto, eixes de intervención"; e cunha mesa redonda sobre "A planificación e execución de congresos en Galicia e o seu potencial como xeradores de turismo".

Os interesados e interesadas poden descargar o tríptico informativo do curso, así como o programa detallado ao completo, nesta mesma nova.

Compartir: