Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello convoca no Fórum Carballo un...

INSCRICIÓNS A PARTIR DO LUNS 8 DE XULLO

O Concello convoca no Fórum Carballo un Curso de Introducción á calidade turística para profesionais do sector

Venres 5 de xullo do 2013

O sector turístico galego, dende a década dos noventa ata os nosos días, está a optar por unha estratexia comercial e empresarial de diferenciación baseada na calidade e na excelencia dos servizos e produtos. Así, as ferramentas derivadas do concepto de calidade toman cada vez máis importancia no día a día das empresas relacionadas co turismo, de tal xeito que coa súa implantación o sector mellora a súa viabilidade económica, acada unha maior satisfacción do cliente e contribúe a proporcionar unha imaxe máis atractiva do territorio. A certificación da marca da Q de Calidade Turística é unha ferramenta útil dirixida a calquera entidade turística que a queira implantar para ofrecer aos seus clientes un servizo de calidade dacordo coas súas expectativas. A Marca Q de Calidade Turística pódese aplicar aos seguintes tipos de establecementos turísticos: aloxamentos rurais; balnearios ou outros centros de Talasoterapia.; campings e cidades de vacacións; campos de Golf; empresas de Turismo Activo; establecementos de Tempo Compartido; hoteis e Apartamentos Turísticos; instalacións Náutico Deportivas; locais de Ocio Nocturno; oficinas de Información Turística; padroados de Turismo; servizos de Restauración; e servizos Turísticos de Intermediación.

Polo tanto, o público destinatario desta acción formativa son os propietarios, directivos, xerentes ou traballadores das empresas encadradas nos mencionados eidos de actuación. Os docentes encargados de impartir o curso serán Francisco Javier Osorno Camiña, experto en deseño e execución de proxectos de formación para empresas privadas e institucións públicas; e Diego Viñas Fernández, técnico de xestión empresarial que colabora coa Universidade de Vigo en proxectos de Innovación Empresarial, Calidade, Desenvolvemento e Transferencia Tecnolóxica. Tamén é responsable do sistema de calidade e da área de contratación do Máster en Innovación e Optimización de Procesos da Universidade de Vigo.

Compartir: