Inicio Carballo ao día Hemeroteca Música, maxia, monicreques, danza, cine,...

FINS DE SEMANA DOS MESES DE XULLO E AGOSTO

Música, maxia, monicreques, danza, cine, libros e exposicións conforman o programa do Verán Cultural 2013

Venres 5 de xullo do 2013

Nesta edición do Verán Cultural a maioría das propostas para o público adulto baséanse na música. A primeira delas xa ten principiado esta fin de semana: o Festival PopUp. Trátase dunha cita que ten como cabeza de cartel a Lori Meyers pero que aglutina doce actuacións musicais entre o 4 e o 6 de xullo. Seguindo coa liña de festivais de música independente, o sábado 27 de xullo ten lugar o Festival Sereas e Piratas, que na súa oitava edición aposta de novo pola música e o deporte na praia de Razo con grupos como Franc3s, Wild Balbino ou Chucho. Máis aló dos festivais de verán, este ano o Verán Cultural conta con dúas actuacións de peso: Rodrigo Romaní o venres 19 de xullo e Mercedes Peón o venres 23 de agosto. O primeiro é moi coñecido como fundador de Milladoiro, e por facer "música de raíz", ademais de ter sona internacional. Mercedes Peón é unhas das artistas máis orixinais da vangarda e presenta en Carballo o seu traballo "SOS", no que mestura sons étnicos, acústicos e electrónicos".

A compañía Contra2 presenta no Verán Cultural unha proposta que aposta pola música e a danza, con Orquestra Gharbo o venres 2 de agosto. Tangos, muiñeiras, xotas ou pasodobres son adaptados a un son máis actual con influencias de Nelson Quinteiro, director do espectáculo. Unha proposta que presenta momentos históricos e temporais a través da música, o baile tradicional e a fusión. Por último, o Verán Cultural sempre ten en conta o foclore galego, e pecha, como cada ano, co Festival de Música e Baile Tradicional o venres 30 de agosto na Praza do Concello. Nel participan a Banda Municipal de Gaitas, os Grupos e Música e Baile da AC Nemeth e os grupos de música e baile tradicional da Asociación Arume de Berdillo.

Seguindo coa agrupación das citas por bloques temáticos, os cativos e cativas sempre ocupan un lugar fundamental, neste caso con tres propostas En Familia centradas na música, no teatro e nos monicreques. A primeira delas é o venres 12 de xullo con Mamá Cabra que presentan "Bicos de Música". Este grupo ten visitado carballo en reiteradas ocasións presentando a súa música para o o público familiar. O venres 26 de xullo é a quenda de Glub Glub Teatro e "Catalina Lino Lina", unha personaxe de ficción que se rebela ante o seu creador. E para pechar as citas en exclusiva para nenas e nenos, o venres 16 de agosto Ghazafelhos Teatro propón "Non é país para cabaleiros", espectáculo no que mesturan monicreques, con teatro, música e moito humor.

Poesía, cursos, exposicións e romaríasA maxia é outra das citas obrigadas cada ano no Verán Cultural. Neste caso, o encargado é Cayetano Lledó, que presenta "Very very Big International Magic Show". Música, danza, mentalismo ou malabarismos complementan este espectáculo pensado para público de todas as idades. E un ano máis o programa rende homenaxe á literatura coa Praza dos Libros na que durante catro días o Xardín Municipal se enche de ilusión, palabras, imaxinación, historias, lingua e aventuras. Respecto da celebración dos espectáculos, a Concellaría de Cultura adivrte de que no caso de predición de choiva as actuacións previstas na Praza do Concello -que son maioría- trasladaranse ou ao Pazo da Cultura ou ao segundo andar do Mercado Municipal limitándose o aforo á capacidade destes espazos. A organización comprométese a informar dos posibles cambios coa máxima antelación posible.

Por último, hai que mencionar que o Verán Cultural compleméntase cunha serie de citas que organizan as asociacións culturais e veciñais do municipio, ademais de coa celebración de cursos e exposicións. Así, a mostra "MINGUaRTE", realizada en conxunto por un grupo de 24 creadores vinculados a Carballo, pode visitarse no Pazo da Cultura até o 31 de xullo. Ademais, a UDC (Universidade da Coruña) organiza dous cursos este verán no Fórum Carballo, o III Curso sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", que finaliza hoxe; e o IX Curso de Verán de Dinamización Lingüística: participación, implicación e traballo cooperativo", que ten lugar do 17 ao 19 de xullo. Ademais, Senda Nova organiza as I Xornadas de iniciación á cartografía e orientación do 7 ao 10 de agosto, e hai que mencionar a XIX Romaría do Gaiteiro, a XXI Romaría Galega, o XXXII Albaroque de Berdillo ou a XVI Festa do Berberecho. A poesía e o teatro tamén teñen cabida con O'Mighelo, Carmen Cotelo, Rosalía Fernández, Paco Souto e Serxio Moreira.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa do Verán Cultural ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: