Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum acolle actividades formativas para...

O ALCALDE E O CONCELLEIRO DE EMPREGO VISITARON AS INSTALACIÓNS

O Fórum acolle actividades formativas para desempregados relacionadas coa hostalería, a informática ou a soldadura

Venres 12 de xullo do 2013

Ferrero e Trigo, que estiveron acompañados por Juan Lorenzo, director do Centro de Formación, tamén aproveitaron para entregar no auditorio da nave 1 do Fórum os diplomas dos 15 participantes no Curso de Soldadura por teren superado todos eles o primeiro módulo de prevención de riscos laborais, de 60 horas. O Alcalde e o Concelleiro de Formación e Emprego tamén visitaron as instalacións de hostalería da nave 4, onde se desenvolve o curso de Cociña. Nestes momentos as participantes están limpando e acondicionando as instalacións para poder comezar a cociñar a partir de mañá. Estiveron na aula de informática onde se desenvolve o curso promovido polo Concello. E visitaron o espazo onde se desenvolven as accións formativas da Rede Xiana2. Os cursos do plan AFD foron concedidos ao Concello pola Consellería de Traballo e Benestar a través dunha convocatoria do pasado mes de febreiro. A Rede Xiana2 céntrase na Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego e inclúe un programa formativo que combina formación teórica con experiencia laboral en entidades e empresas da provincia dos sectores económicos relacionados coa formación impartida. O Concello cede as instalacións municipais do Fórum para impartir accións formativas tanto de base como específicas.

Hai que lembrar que para favorecer a creación de emprego o Concello tamén ten en marcha un Plan de Formación Integral para emprendedores dirixido a persoas en situación de desemprego que conten cunha idea específica de negocio empresarial ou comercial para poñer en marcha. Os participantes recolleron a primeiros de maio os diplomas acreditativos do aproveitamento da primeira fase deste plan na que se abordaron aspectos como o coaching para o desafío profesional, a reflexión estratéxica e creación dun plan de viabilidade, os coñecementos básicos en administración de finanzas a través da xestión económico-financeira, a negociación coa banca, a xestión laboral, os requisitos legais para a apertura dun establecemento e un curso básico de prevención de riscos laborais. Está previsto que se desenvolvan novas actividades dentro deste plan para emprendedores na segunda metade do ano.

Compartir: