Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o V Campionato de España...

VENRES 12, SÁBADO 13 E DOMINGO 14 DE XULLO NO CIRCUÍTO DE BÉRTOA

Carballo acolle o V Campionato de España de Autocross coa participación do coñecido piloto de rallys Dani Sordo

Xoves 11 de xullo do 2013

Respecto dos horarios da cita, o venres 12 de xullo comeza coa constitución do comité de comisarios deportivos e as verificacións administrativas e técnicas. Nesta edición terán lugar no Pazo da Cultura a partir das 17.00 horas para evitar os problemas de tráfico que provocaba a presenza dos vehículos na Praza do Concello. As verificacións continúan o sábado 13 pola mañá, tamén na explanada a carón do Pazo da Cultura, ata as 13.00 horas, aproximadamente. A actividade no Circuíto de Bértoa principia ás 15.00 horas cos adestramentos oficiais e a primeira manga clasificatoria, mentres que o domingo 14 a partir das 9.00 horas ten lugar a segunda manga clasificatoria e as finais. Na presentación da proba estiveron presentes Maikel Vilariño, un dos favoritos na súa categoría ao tratarse dun circuíto que coñece moi ben, e Sandra García Cambón, a única muller en categoría Car Cross no campionato de España, e que participa coa Escudaría Coruña, organizadora da cita. Sandra García leva seis anos competindo en Car Cross e leva tres participando no campionato de España con moi bos resultados.

O director da carreira, Ernesto Rumbo, quixo agradecer o traballo realizado polo Concello dende a recuperación do Circuíto de Motor de Bértoa, nunha "aposta polo automobilismo". Juan Fernández, de Escudaría Coruña, insistiu nestes agradecementos e resaltou que, sendo esta unha proba que se celebra en Carballo tan só dende hai 5 anos, xa é a terceira mellor considerada de todo o Campionato de España. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, manifestou o "orgullo" que supón contar por quinto ano consecutivo en Carballo "co mellor do autocross de todo o estado", mentres que o Alcalde, Evencio Ferrero, insistiu na idea de que "o deporte tamén é economía", polo que debe seguir impulsándose. Así, durante a proba, está previsto que os participantes reciban información turística do Concello para que vexan que hai máis facianas de Carballo, ademais da actividade no Circuíto de Bértoa e a proba. Xa no aspecto deportivo, Ferrero desexou que a cita sexa un éxito e que os pilotos locais teñan a oportunidade de gañar e pelexar con pilotos de tanto renome como Dani Sordo.

Compartir: