Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado un convenio coa Deputación para...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado un convenio coa Deputación para financiar un Plan de Acción de Promoción Económica para o Concello

Luns 15 de xullo do 2013

No apartado de expedientes de contratación saíron adiante dúas adxudicacións, unha dentro e outra fóra da orde do día. No primeiro caso trátase da adxudicación do contrato administrativo de servizo de "Asistencia técnica para o control, o seguimento, a inspección e a auditoría externa do control de calidade dos servizos públicos de recollida de lixo, Punto Limpo e Canceira Municipal do Concello de Carballo". A empresa adxudicataria será Lagares Oca por un prezo anual de 7.411,25 euros por un prazo de catro anos, cun total de 29.645 euros. Será posible estipular unha prórroga por outros dous anos máis previo acordo das partes. Fóra da orde do día recibiu luz verde o contrato administrativo de "Servizo de prevención alleo do persoal do Concello de Carballo", que recaeu en Taprega Prevención de Riesgos SL por un prezo anual con IVE de 11.474,75 euros. Será posible aumentar a duración do servizo, de catro anos, por outros dous anos máis mediante dúas prórrogas dun ano, previo acordo das partes.

No apartado de convenios, tamén hai que mencionar un acordo coa Consellería do Medio Rural e do Mar para a participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) de Galicia 2007-2013. O prezo máximo subvencionable pola Xunta será de 130 euros por hectárea limpa cun máximo anual de 36.237,50 euros. Así mesmo, no ámbito cultural, aprobáronse outros dous acordos. En primeiro lugar un coa Asociación Cultural Coro Vagalume co obxecto de favorecer a creación teatral e o teatro afeccionado e colaborar coas entidades que organizan actos culturais en Carballo. A entidade deberá poñer en escena tres representacións entre agosto e novembro de 2013: "O club antimachotes", "Engominados" e "Monsters vs Addams". En segundo, un acordo coa Asociación Cultural Rebeldía para a celebración do VIII Festival Sereas e Piratas o día 27 de xullo. Por último, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación de sete licenzas de obra maior e dúas licenzas de primeira ocupación.

Compartir: