Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chucho encabeza o cartel do VIII Festival Sereas...

SÁBADO 27 DE XULLO

Chucho encabeza o cartel do VIII Festival Sereas e Piratas que transforma Razo coa música e o deporte

Venres 19 de xullo do 2013

Pero máis aló do festival nocturno, o Sereas e Piratas compleméntase con numerosas actividades deportivas e lúdicas. Así, o sábado 27 ten lugar a celebración do Campionato Galego de Surf Junior, que conta para a clasificación española; do Campionato de Surf Interclubs de Galicia; e contará con cursos de surf gratuítos coa colaboración de Artsurfcamp. Celébrase así mesmo un Campionato Open de Skate en Minirampa nas instalacións do Artsurfcamp con premios en material de skate cedidos por Teironsurf.com. O festival tamén serve de marco do II Torneo de Volei-praia Sereas e Piratas, que ofrece interesantes premios en metálico. E, por último, o grupo Abadá Capoeira ofrece unha exhibición desta arte brasileira que conxuga a expresión corporal con música e deporte e que conta con numerosos cativos e cativas en Carballo que a practican. Ademais do deporte, o programa de día conta con sesión vermú, un dos sinais de identidade do Sereas e Piratas, a partir das 14.30 con 4 Waves, que ofrecen música surf instrumental, e a continuación con música de DJs toda a tarde ata as 20.30, momento en que se pechan as actividades deportivas e lúdicas. Así, o festival compleméntase cunha terraza de acceso gratuíto coa que desfrutar todo o día e na que ao mediodía poderase desfrutar dunha paella, ademais de cun mercadillo coa colaboración de varias tendas e establecementos.

Hai que comentar que, para promocionar o festival, este ano a organización contou coa colaboración de Pastelería San Luís, que realizou unhas piruletas coa imaxe promocional do Sereas e Piratas e que poden adquirirse nos lugares de venda de entradas por 1,5 €. A organización agradece a colaboración da xente que as está mercando. Respecto dos lugares concretos de venda anticipada de entradas son: en Carballo o pub O Patacón, o Belle Epoque, a cervexaría Dublín, a sala A Reserva e as tendas A Fragua de Mo e Teirón; en Malpica o Submarino; en Ponteceso o pub A Eira; na Coruña en Portobello; e en Santiago en A Reixa tenda. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, en representación do Concello, que vén colaborando coa cita dende os seus comezos, subliñou a importancia de que "Razo tamén se coñeza polas actividades deportivas e culturais que se celebran", e que sexa "unha praia de referencia", especialmente tamén para os amantes da música. Os interesados/as en obter máis información sobre o festival, sobre a maneira de participar nas actividades deportivas como o skate, o suf e o volei-praia, ou en contactar coa organización, poden facelo visitando o web do Sereas e Piratas -no que tamén hai conexións con Facebook e Twitter- nunha ligazón nesa mesma nova.

Compartir: