Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Urbanismo abordou a...

AVANZOUSE NA REVISIÓN DE ALEGACIÓNS ATA REBORDELOS

A Comisión de Urbanismo abordou a repercusión da nova Lei de Protección do litoral no documento para aprobación inicial do PXOM

Xoves 18 de xullo do 2013

Durante o resto da reunión, de máis de dúas horas de duración, continuouse co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo e avanzouse na valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade. O Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Así, se na anterior xuntanza se avanzara co estudo das reclamacións por orde alfabética ata Noicela, seguiuse coa análise ata rematar con Rebordelos, aínda que sen abordarse o estudo de Razo. O motivo é que Razo é unha das parroquias que presenta maior número de alegacións, con máis de 200, e dada a súa complexidade deixarase para o final, incluso dedicándolle unha xuntanza en exclusiva. Polo tanto, na próxima reunión está previsto analizar os rangos 1 e 4 das parroquias de Sísamo, Sofán e Vilela. Hai que mencionar que, na zona rural, a solicitude máis habitual é a de incorporación de parcelas a licenza de obra directa.

O documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal recibiu un total de 1.921 alegacións, presentadas por 2.451 alegantes e que afectan a un total de 2.908 parcelas do municipio, a maioría situadas no medio rural. O equipo redactor que dirixe Fernández Carballada ten clasificado este tipo de peticións en catro rangos. Ademais dos xa mencionados 1 e 4 está o rango 2 de parcelas lindeiras sobre viario non estruturante (rango 2); e o rango 3 de parcelas sen fronte á vía pública e incluídas en actuacións integrais. Hai que lembrar que todos os grupos políticos da corporación participan na Comisión de Urbanismo contan con toda a información pertinente nun CD, no que tamén están incluídos os planos cunha clasificación sobre cada parcela na que se indica o número de alegación, a súa natureza, etc., así como uns criterios xerais nos que basearse para estimar ou desestimar cada alegación.

Compartir: