Inicio Carballo ao día Hemeroteca O IX Curso de Verán sobre...

ARREDOR DE 40 PERSOAS PARTICIPARON NA INICIATIVA DA UDC

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística pechou falando sobre democracia participativa no cambio social

Venres 19 de xullo do 2013

Entre elas, que "calquera política que se emprenda debe evitar o conflito social", que as iniciativas deben partir "sen obrigar a ninguén a participar, senón invitando" á xente, ou que resulta máis efectivo facer "participación cidadá sen apoiarse nas normativas", xa que o obxectivo é "conseguir que a cidadanía decida como quere participar e non dicirlles como teñen que participar" para poder conseguir un resultado final satisfactorio. Arredor de 40 persoas asistiron no Fórum ás actividades deste Curso de verán, no que se reflexionou sobre o papel central da participación, a implicación e o traballo colaborativo nos procesos de cambio social e sobre a importancia de coñecer e procurar formas de busca e apoio da participación e implicación na dinamización lingüística. Despois da xornada inaugural, o xoves foi a quenda para Txerra Rodríguez, quen falou con non pouco humor dun tema abondo complexo: como fomentar o uso das linguas minorizadas nas empresas. E co coach Carlos Martínez afondouse na importancia de xogar aínda sendo adulto, porque axuda a ser máis creativo e máis eficaz á hora de traballar en grupo e elaborar proxectos.

Bernardo Penabade expuxo pola tarde as experiencias de Burela para dinamizar o uso do galego e a aprendizaxe doutras linguas; e para pechar o día, a traballadora de normalización lingüística Queca Carballo presentou o Viveiro de propostas normalizadoras da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua). Na xornada de clausura, antes de Marta Martorell, foi a quenda da presidenta de Implicad@s no Desenvolvemento e educadora social, Ania Piñeiro. Esta organización non gobernamental galega, especializada en proxectos de cooperación e xénero, caracterízase polo éxito acadado, con poucos medios, polas súas campañas de comunicación. E de comunicación implicativa -de como impulsar á sociedade a mobilizarse a prol dunha determinada causa e conseguir que a faga súa- falou no curso, antes de que Freixeiro Mato realizara o peche oficial con Martorell e convocara aos participantes para unha nova edición o ano que vén.

Compartir: