Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno inclúe a incorporación dun...

CONVENIO PARA A CESIÓN Á XUNTA DE ESPAZOS NO FÓRUM

O pleno inclúe a incorporación dun millón de euros do remanente para emprender melloras viarias en rúas e estradas do municipio

Venres 26 de xullo do 2013

Así, unha vez rematados os traballos que se están desenvolvendo nestes momentos na rúa Valle Inclán, na que se están substituíndo as redes de saneamento antigas por outras de PVC, está previsto acondicionar a vía para darlle un acabado final similar á da rúa Desiderio Varela. Respecto da mellora da seguridade, está previsto crear unha glorieta na Avenida de Razo, na confluencia entre as rúas Perú e Muíño, na parte posterior do CCB Bergantiños e na contorna da Escola Infantil As Landras, un punto con problemas de retencións e de seguridade viaria. E outra glorieta na contorna do Fórum Carballo na confluencia das rúas Xílgaro, Luís Braille, Emilio González López e Saturnino Cuíñas, unha zona de elevado tráfico dende a posta en marcha do Fórum. Por último, substituirase a caldeira do Concello por unha de biomasa para mellorar o aforro e eficiencia enerxéticas. Outro dos asuntos da orde do día á un expediente de crédito extraordinario, que permite incorporar remanente para dotar o investimento necesario para realizar unha obra conxunta co Concello da Laracha, o encargado da contratación da mellora dunha vía que comunica o lugar de Castelo co polígono industrial da Laracha, en Lendo. Co expediente consígnase a cantidade que se deberá achegar no seu momento ao Concello larachés, que realiza os traballos a través dunha subvención da Consellería de Industria.

Convenios e modificación de cinco ordenanzas

A orde do día recolle tamén a modificación dun Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo. En abril de 2013 tíñase aprobado no pleno este acordo de colaboración, mais a Xunta propuxo a realización dunha nova modificación. Así, en lugar de que figure a cantidade de 10.860 euros anuais como achega da Xunta polo uso de 890 metros cadrados nas plantas 1 e 2 da nave 2 do Fórum Carballo para as dependencias das consellerías de Traballo, Medio Rural e Sanidade no municipio, a administración autonómica propón que non figure unha cantidade concreta, senón "os gastos pola parte proporcional do espazo ocupado". Feito este novo cambio, o convenio volve para a ratificación do pleno. No apartado de convenios, tamén se recolle un entre os concellos de Carballo e Coristanco para a prestación do servizo público de saneamento e depuración coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) sita no termo municipal de Carballo, no lugar de Noví-Ardaña. Esta EDAR conta con usuarios potenciais de Carballo e Coristanco, polo que se propón, tendo en conta o número de enganches en cada municipio, que Carballo achegue o 65 por cento para o mantemento, e que Coristanco un 35 por cento. As porcentaxes revisaranse anualmente e o convenio ten unha vixencia de cinco anos.

Por último, nunha sesión na que todos os asuntos foron ditaminados na Comisión de Facenda, abordouse a modificación dun total de cinco ordenanzas, catro delas atendendo a Directiva europea Bolkestein, tamén coñecida como Directiva de servizos. A primeira é a Ordenanza xeral nº 1 de prezos públicos do Concello de Carballo, que se modifica co obxecto de que haxa máis axilidade á hora de actualizar os prezos públicos, e que, por exemplo, a actualización do IPC poida levarse a cabo en Xunta de Goberno en lugar de nos plenos, tanto para os prezos do departamento de Cultura, no que xa se fai, como para Servizos Sociais e Deporte. Respecto da directiva Bolkenstein, adaptáronse a Ordenanza fiscal nº 4 reguladora do imposto sobre instalacións construcións e obras (ICIO); a Ordenanza fiscal nº 7 reguladora da taxa pola prestación de servizos administrativos de control urbanístico das obras; a Ordenanza fiscal nº 9 reguladora da taxa pola prestación de servizos administrativos de control sobre actividades e aperturas de establecementos; e a Ordenanza fiscal nº 21 reguladora da taxa de ocupación de dominio publico con grúas, valados e elementos auxiliares de obras ou corte de vías públicas. En todos casos a directiva europea supón un cambio no texto das ordenanzas, e tamén, no caso das ordenanzas 4, 7 e 9, algunhas modificacións no prezo das taxas.

Para rematar, a orde do día recolle a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co segundo trimestre de 2013. Segundo este documento, o Concello ten abonado dentro do período de pago un total de 841 facturas por 1.480.000 euros e fóra deste período un total de 170 por 140.439 euros. O período medio de pagamento é de 13 días para as facturas dentro de prazo e de 23 para as de fóra. Hai que lembrar que neste exercicio o período de pagamento estipulado por lei é de 30 días.

Compartir: