Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo é o Concello número 13 de...

CAMPAÑA NA PRAZA DO CONCELLO ENTRE O 1 E O 3 DE AGOSTO

Carballo é o Concello número 13 de Galicia en canto a número de doazóns de sangue, con máis de 1.300 rexistradas no ano 2012

Luns 29 de xullo do 2013

No faltou a mención ao tráxico accidente de tren acontecido o mércores 24 de xullo, con especial agradecemento por parte do CTG a todos os veciños e veciñas que se achegaron a doar esa xornada, pero tamén realizando un chamamento para que os doantes continúen acudindo ás unidades móbiles e aos centros hospitalarios nos próximos días, xa que "aínda que as necesidades para os feridos da traxedia están cubertas", segundo Carcedo, "debe de seguirse doando de forma gradual porque precisamos 500 doazóns diarias". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou a "exemplar" resposta cidadá a consecuencia do accidente, mais desexou "que Carballo siga demostrando a súa solidariedade" e "que a doazón se faga de forma regular, e non soamente cando hai un accidente tan dramático, xa que todas as semanas hai necesidades hospitalarias". En todo caso, os datos amosan que o ano 2012 foi o ano con máis número de doazóns dende 2005, en que se rexistraran 1.301. Porén non se superan os datos de 2004, con 1.384 doazóns, xa que ese ano tivera lugar o atentado terrorista do 11-M, o que tamén contribuíra a incrementar o número de doazóns. Neste caso, como consecuencia do descarrilamento, tense rexistrado un incremento notable nas horas posteriores ao suceso, con "mareas de persoas que se achegaron a doar", en verbas de Carcedo.

Os interesados en doar en Carballo nos próximos días, e unirse aos máis de 3.600 doadores rexistrados na vila dende 1993, poden facelo o xoves 1 e venres 2 de agosto de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas; e o sábado 3 de agosto de 10.00 a 15.00 horas na Unidade Móbil da Praza do Concello. A doazón de sangue é moi importante cada día para garantir o correcto desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios galegos, que precisan ao redor de 40.000 doazóns de sangue nos meses de verán. Así mesmo, o CTG subliña que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo e cómodo que pode contribuír mesmo a salvar a vida dun doente e que en ningún caso é prexudicial para a saúde ou debilita o organismo. Ademais de Ferrero e Carcedo, estiveron na presentación desta campaña de doazón, Beatriz Rama, en representación de Protección Civil de Carballo; e Elba Pillado, promotora de doazón do CTG na comarca de Bergantiños.

Compartir: