Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello colabora con Vía Láctea...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello colabora con Vía Láctea Filmes na rodaxe de "Sicixia", primeira longametraxe rodada integramente na Costa da Morte

Luns 29 de xullo do 2013

O Concello, por tanto, realizará unha colaboración trianual coa empresa Vía Láctea Filmes, por un importe total de 12.000 euros repartidos nos exercicios de 2013, 2014 e 2015 e que contribuirán, na primeira anualidade, á documentación, investigación, busca de localizacións, tratamento, guión e preparación da rodaxe; na segunda anualidade a achega destinarase a gastos de rodaxe, alugueiro de equipos, salarios, decoración ou postprodución; na anualidade de 2015 a achega contribuirá á estrea, promoción e publicidade de "Sicixia" na Costa da Morte, así como nas diferentes cidades galegas e estatais e nos festivais internacionais aos que concorra o filme. Carballo tamén colaborará durante os días da rodaxe do filme, e na medida das súas posibilidades, facilitando os permisos necesarios ou a colaboración de Protección Civil, Policía Local, Bombeiros, etc. A película compleméntase coa creación por parte de Vía Láctea Filmes dunha exposición fotográfica itinerante con imaxes de alta calidade obtidas durante a rodaxe. Esta mostra será un evento cultural que percorrerá cidades galegas e españolas e que tamén estará en Carballo temporalmente a disposición dos veciños e veciñas.

Prácticas de socorrismo e prezos do Programa Concilia

No apartado de convenios, a Xunta de Goberno tamén sacou adiante un entre o Concello e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), para a realización de prácticas de alumnos do Plan de Acción Formativa para Desempregados (AFD). O obxecto do acordo é a participación do Concello de Carballo na realización dun módulo de prácticas profesionais non laborais dos cursos dos certificados de profesionalidade de Socorrismo en espazos acuáticos naturais e Socorrismo en instalacións acuáticas que a Academia Galega de Seguridade realice. O Concello acollerá un máximo de dous alumnos/as destes cursos por programa formativo, e avaliará as prácticas de acordo cos criterios fixados pola comisión mixta que se cree con tal fin. O acordo non implica compromiso de gastos por parte da administración local. O apartado de subvencións supuxo a adxudicación das correspondentes á realización de Cabalgatas de Reis 2013, que supón a concesión de 18 subvencións por un importe total de 5.908,65 euros, sendo o máximo previsto para cada entidade de 500 euros.

Fóra da orde do día, incluíse na Xunta de Goberno a aprobación dos prezos públicos para o programa Concilia. Despois da aprobación definitiva da ordenanza reguladora de prestación de servizos do Programa Concilia o 19 de xuño de 2013, esta normativa establece que "os usuarios/as tan só deberán aboar o 65 por cento da contía do servizo, atopándose o importe restante subvencionado, en todo caso, polo Concello de Carballo". A Xunta de Goberno aproba agora os prezos públicos para o Programa Concilia coa redución correspondente do 65 por cento. Por un mes de uso do servizo, por exemplo, a contía íntegra sería de 55 € ao mes e de 66 € ao mes con almorzo; e coa redución do 65 por cento sería de 32,5 € ao mes e de 42,9 € con almorzo. A Xunta de Goberno supuxo, por último, a aprobación dun vao permanente, un informe por unha licenza de apertura para actividades molestas para a ampliación dunha explotación porcina en Bértoa, a concesión de catro licenzas de obra maior, de dúas licenzas de obra e apertura e dunha licenza de primeira ocupación.

Compartir: