Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno da corporación para...

MODIFICADAS CINCO ORDENANZAS FISCAIS E DE PREZOS PÚBLICOS

Luz verde no pleno da corporación para investir un millón de euros na mellora de rúas e estradas en todo o municipio

Martes 30 de xullo do 2013

Respecto da mellora da seguridade, está previsto crear unha glorieta na Avenida de Razo, na confluencia entre as rúas Perú e Muíño, na parte posterior do CCB Bergantiños e na contorna da Escola Infantil As Landras, un punto con problemas de retencións e de seguridade viaria. E outra glorieta na contorna do Fórum Carballo na confluencia das rúas Xílgaro, Luís Braille, Emilio González López e Saturnino Cuíñas, unha zona de elevado tráfico dende a posta en marcha do Fórum. Por último, substituirase a caldeira do Concello por unha de biomasa para mellorar o aforro e eficiencia enerxéticas. Por unanimidade, en cambio, aprobouse un expediente de crédito extraordinario, que permite incorporar remanente para dotar o investimento necesario para realizar unha obra conxunta co Concello da Laracha, o encargado da contratación da mellora dunha vía que comunica o lugar de Castelo co polígono industrial de Lendo. Co expediente consígnase a cantidade que se deberá achegar no seu momento ao Concello larachés, que realiza os traballos a través dunha subvención da Consellería de Industria.

Convenio para trasladar dependencias da Xunta ao Fórum Carballo

Nun pleno no que saíron adiante todos os asuntos incluídos na orde do día e que durou menos de hora e media, tamén saíu adiante a modificación dun Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo. En abril de 2013 tíñase aprobado no pleno este acordo de colaboración, mais a Xunta propuxo a realización dunha nova modificación. Así, en lugar de que figure a cantidade de 10.860 euros anuais como achega da Xunta polo uso de 890 metros cadrados nas plantas 1 e 2 da nave 2 do Fórum Carballo para as dependencias das consellerías de Traballo, Medio Rural e Sanidade no municipio, a administración autonómica propón que non figure unha cantidade concreta, senón "os gastos pola parte proporcional do espazo ocupado". No apartado de convenios, tamén se aprobou un entre os concellos de Carballo e Coristanco para a prestación do servizo público de saneamento e depuración coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) sita no termo municipal de Carballo, no lugar de Noví-Ardaña. Esta EDAR conta con usuarios potenciais de Carballo e Coristanco, polo que se propón, tendo en conta o número de enganches en cada municipio, que Carballo achegue o 65 por cento para o mantemento, e que Coristanco un 35 por cento.

Nunha sesión áxil, pero que contaba con moitos asuntos na orde do día, recibiu luz verde a modificación dun total de cinco ordenanzas, catro delas atendendo a Directiva europea Bolkestein, tamén coñecida como Directiva de servizos. A primeira é a Ordenanza xeral nº 1 de prezos públicos do Concello de Carballo, que se modifica co obxecto de que haxa máis axilidade á hora de actualizar os prezos públicos dos distintos servizos. Respecto da directiva Bolkenstein, adaptáronse a Ordenanza fiscal nº 4 reguladora do imposto sobre instalacións construcións e obras (ICIO); a Ordenanza fiscal nº 7 reguladora da taxa pola prestación de servizos administrativos de control urbanístico das obras; a Ordenanza fiscal nº 9 reguladora da taxa pola prestación de servizos administrativos de control sobre actividades e aperturas de establecementos; e a Ordenanza fiscal nº 21 reguladora da taxa de ocupación de dominio publico con grúas, valados e elementos auxiliares de obras ou corte de vías públicas. En todos casos a directiva europea supón un cambio no texto das ordenanzas, e tamén, no caso das ordenanzas 4, 7 e 9, algunhas modificacións no prezo das taxas.

Para rematar, aínda que se aprobaron todos os asuntos incluídos na orde do día, no apartado de "Seguimento de organos de Goberno", o PP presentou unha ordenanza que foi rexeitada cos votos do BNG e TEGA. Así mesmo, deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería de cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co segundo trimestre de 2013. Segundo este documento, o Concello ten abonado dentro do período de pago un total de 841 facturas por 1.480.000 euros e fóra deste período un total de 170 por 140.439 euros. O período medio de pagamento é de 13 días para as facturas dentro de prazo e de 23 para as de fóra.

Compartir: