Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais abren o mes de agosto coa...

VENRES 2 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

Os Venres Culturais abren o mes de agosto coa música e a danza de Contra2 e a proposta "Orquestra Gharbo"

Xoves 1 de agosto do 2013

Respecto da traxectoria da compañía, en decembro de 2008 comeza a andaina de Contra2, formada por Iván Villar e Nelson Quinteiro, como un proceso creativo que xunta as traxectoria de importantes profesionais dentro da danza e da música tradicional galega. En agosto de 2009 estrean "Danza e contradanza", xuntando a particular mestura de canto, escenas sonoras e polifonía con pedais de loops de Nelson Quinteiro coa linguaxe coreográfica de Iván Villar. A súa proposta foi descrita entón como "unha das máis orixinais na esfera da danza e canto tradicionais galegos, cunha aposta clara pola linguaxe contemporánea" ou deles teñen escrito "unha sinerxía que frutifica nunha nova linguaxe escénica, sen esquecerse das esencias das que beben". Despois de ter visitado diferentes escenarios e circuitos como a Rede Cultural da Deputación da Coruña, Rede Galega de Salas, Forum-Folk do Concello da Coruña, Festival dos Abrazos ou Auditorio de Galicia dentro das festas de Nadal de Santiago de Compostela, no ano 2011 crean a montaxe infantil para rúa "Papiroflexias", coa que sorprenden cunha fusión de teatro de rúa, danza e conciencia ecolóxica nun colorista relato baseado no libro "O Principiño" de Saint Exupéry. Contra2 abre o 2012 cunha ambiciosa proposta en coprodución co Centro Coreográfico Galego; a montaxe "Gharbo!" que subiu sobre os escenarios a varios dos mellores profesionais da danza e música de Galicia, e que agora continúa con este "Orquestra Gharbo" do que poderá gozar o público carballés.

Compartir: