Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VIII Festival Sereas e Piratas celebrarase...

CONTARÁ COS MESMOS GRUPOS E ACTIVIDADES

O VIII Festival Sereas e Piratas celebrarase finalmente o sábado 31 de agosto mantendo o mesmo cartel

Venres 9 de agosto do 2013

Respecto das actividades deportivas e lúdicas, terán lugar todas excepto o Campionato Galego de Surf Junior, que ao contar para a clasificación española tivo que celebrarse o 27 de xullo. Porén, mantense o Campionato de Surf Interclubs de Galicia; e haberá cursos de surf gratuítos coa colaboración de Artsurfcamp. Celébrase así mesmo un Campionato Open de Skate en Minirampa nas instalacións do Artsurfcamp con premios en material de skate cedidos por Teironsurf.com. O festival tamén serve de marco do II Torneo de Volei-praia Sereas e Piratas, que ofrece interesantes premios en metálico. E, por último, o grupo Abadá Capoeira ofrece unha exhibición desta arte brasileira que conxuga a expresión corporal con música e deporte e que conta con numerosos cativos e cativas en Carballo que a practican. Ademais do deporte, o programa de día conta con sesión vermú, un dos sinais de identidade do Sereas e Piratas, a partir das 14.30 con 4 Waves, que ofrecen música surf instrumental, e a continuación con música de DJs toda a tarde ata as 20.30, momento en que se pechan as actividades deportivas e lúdicas. Así, o festival compleméntase cunha terraza de acceso gratuíto coa que desfrutar todo o día e na que ao mediodía poderase desfrutar dunha paella, ademais de cun mercadillo coa colaboración de varias tendas e establecementos.

Respecto dos lugares concretos de venda anticipada de entradas son: en Carballo o pub O Patacón, o Belle Epoque, a cervexaría Dublín, a sala A Reserva e as tendas A Fragua de Mo e Teirón; en Malpica o Submarino; en Ponteceso o pub A Eira; na Coruña en Portobello; e en Santiago en A Reixa tenda. Os interesados/as en obter máis información sobre o festival, sobre a maneira de participar nas actividades deportivas como o skate, o suf e o volei-praia, ou en contactar coa organización, poden facelo visitando o web do Sereas e Piratas -no que tamén hai conexións con Facebook e Twitter- nunha ligazón nesta mesma nova.

Compartir: