Inicio Carballo ao día Hemeroteca O mellor da literatura e da música do 22...

CONCERTOS, ACTUACIÓNS E PRESENTACIÓNS NO XARDÍN MUNICIPAL

O mellor da literatura e da música do 22 ao 25 de agosto na Praza dos Libros de Carballo

Mércores 14 de agosto do 2013

A inauguración desta nova edición da Praza dos Libros de Carballo está prevista para o xoves 22 de agosto ás 13.00 horas, e a pregoeira encargada de abrila é a escritora e comunicadora María Canosa. Pero ao longo dos días da Praza haberá moito máis. Así, un dos puntos fortes desta feira das letras sempre é a participación infantil. Así, as nenas e os nenos contarán con múltiples actividades, como os contos e a animación da Ciclobiblioteca (xoves e domingo pola mañá), espectáculos de historias e música de compañías como Migallas Teatro (xoves 22 ás 18.30 horas), Fantoches Baj (venres 23 ás 19.00 horas) ou Larraitz (sábado 24 ás 18.30 horas), ou presentacións, como" O rei portador e outras historias", de Beatriz Fraga (sábado 24 ás 12.30 horas), ou "Rosalía pequeniña" como peche da Praza coa cantante Uxia (domingo 25 ás 20.00 horas). A música tamén ten un papel protagonista nesta feira. Por exemplo, o xoves á tardiña (20.30 horas), a cantante galego-palestina Najla Shami e a súa banda presentan o seu disco "Na lingua que eu falo", acabado de saír do forno e baseado en poemas de Rosalía de Castro. O venres haberá pola noite (22.00 horas) un concerto de Mercedes Peón, que xa pola tarde (19.30 horas) asinará exemplares do seu último disco, "Sós".

Manuel Rivas e Neira VilasO programa tamén estará repleto de presentacións, recitais, sinaturas, etc. Por exemplo, o venres 23 (20.30 horas) ten lugar un recital de presentación do poemario colectivo "Versus Cianuro", un libro de poemas contra a mina de Corcoesto no que participan 75 poetas. No recital intervirán creadores e creadoras como Paco Souto, Roberto Roget, Rosalía Fernández Rial, Paco de Tano, etc. O sábado 24 (19.30 horas), ten lugar a presentación do libro "Viaxe polo corazón de Bergantiños", de Xosé Pumar Gándara. O mesmo sábado (20.30 horas) hai un recital-concerto poético do grupo Versus, que presenta a súa obra colectiva do mesmo nome. O domingo achéganse a Carballo dous dos nomes máis relevantes, máis recoñecidos, máis traducidos e de maior proxección das nosas letras. Pola mañá será Manuel Rivas quen asinará exemplares do seu último libro, "As voces baixas". E, pola tarde, Xosé Neira Vilas presenta os seus dous últimos libros: "Aquel neno" e "Cancela Aberta". Hai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita, etc. Ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 22 e o domingo 25 pola mañá a Praza dos Libros convive coa Feira Tradicional de Carballo, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.

E os libros veñen cun pan debaixo do brazo. Durante toda a mañá do domingo repítese, por oitava vez, a experiencia "Un libro, un pan", e todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun Pan de Carballo. E, como a lingua tamén é alimento e base imprescindible, o sábado durante toda a tarde estará no feira o fotocol da campaña Gústame o galego (www.gustame.gl), no que todas as persoas que queiran poderán retratarse para dicir que lle gusta a nosa lingua e, ademais, levar unha chapa de agasallo. A Praza dos Libros, que se desenvolve a última fin de semana de agosto desde o ano 2006, está organizada polo Concello de Carballo coa colaboración de Conservas Calvo. Os interesados e interesadas poden descargar o programa completo de actividades en pdf nesta mesma nova.

Compartir: