Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os novos socios de Telón e Aparte...

CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE ALTAS: DO 9 AO 16 DE SETEMBRO

Os novos socios de Telón e Aparte contarán, por 20 euros, con descontos e prioridade de adquisición para os bonos do FIOT

Venres 6 de setembro do 2013

Ademais do desconto no bono e da venda anticipada, os novos integrantes de Telón e Aparte terán dereito a recibir información personalizada sobre o programa do FIOT, como as posibles limitacións aos espectáculos ou dos espazos, e contarán con preferencia para acceder a espectáculos de aforo reducido. Tan pronto sexa efectivo o pago dos 20 euros, os asociados recibirán ademais un carné que os acredita como membros da entidade. Unha vez rematado o proceso de reconto e alta de socios, será cando se abra o período de venda de bonos prioritario. Non se descarta que no futuro poidan concretarse novas vantaxes para os asociados, así como actividades ás que poidan acceder noutros momentos do ano. Na presentación desta campaña de captación estiveron presentes, ademais do presidente da Asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o vicepresidente, Antón Guitoi; e a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Pouco quixeron adiantar da próxima edición do FIOT, aínda que Sueiro subliñou que a organización espera superarse un ano máis e adiantou que a cita transcorrerá entre o 5 e o 31 de outubro.

Xuntanza cos hostaleiros para a Rúa dos ContosDurante a presentación, Antón Guitoi tamén quixo convocar a todos os hostaleiros de Carballo que o desexen a asistir o luns 9 de setembro no Pazo da Cultura a partir das 17.00 horas a unha xuntanza na que perfilar os detalles da Rúa dos Contos, que terá lugar entre o 5 e o 13 de outubro nos principais bares, tascas, pubs e cafetarías do centro carballés. Guitoi invita a que acudan todos os que queiran colaborar e manifestou que a organización está aberta a calquera suxestión ou idea que axude a artellar esta cita un ano máis.

Por último, os interesados e interesadas poden descargar o impreso de solicitude de socio para Telón e Aparte nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: