Inicio Carballo ao día Hemeroteca Escola Lubiáns celebra o seu 30...

DO 18 AO 22 DE SETEMBRO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Escola Lubiáns celebra o seu 30 aniversario co VII Torneo de Hóckey a Patíns Concello de Carballo

Venres 13 de setembro do 2013

Ademais de ser unha cita de competición deportiva, o VII Torneo Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns Concello de Carballo conta con varias actividades festivas para conmemorar os 30 anos de historia da entidade. Así, o sábado 21 está prevista unha exhibición de patinaxe artístico ás 17.45 horas, e despois de que se xoguen as finais, sobre as 22.30 horas, haberá un concerto a cargo de dous grupos carballeses, "Versión imposible" e "Dude", e unha churrascada. Ademais, está previsto que, tamén o sábado, un tren turístico facilitado polo Concello de Cabana percorra as principais rúas de Carballo con paradas en puntos sinalados e con saída e chegada na Rúa Carballo Calero, a carón do Pavillón. Tanto o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron transmitirlle os seus parabéns a Escola Lubiáns polos seus 30 anos de traxectoria. Ferrero subliña que son "trinta anos con moita vitalidade" para unha entidade que nos últimos tempos "vive un momento doce" ao contar con moitos practicantes da disciplina. O Alcalde tamén felicitou á entidade "por un traballo de entrega e compromiso co deporte de base", un labor de éxito que culmina coa celebración de actividades durante "case unha semana" polo 30 aniversario.

Na presentación do torneo, ademais do Alcalde, o Concelleiro de Deporte e o presidente de Escola Lubiáns estiveron presentes o Vicepresidente, Suso Cancela; o secretario, David García; o tesoreiro, Faustino García; e os vogais Manuel Pardiñas, José Tato e Javier Fuentes. Tamén forman parte da directiva Gonzalo Ávarez e Juan Carlos Rey. Os interesados e interesadas en acadar máis información sobre o torneo nos próximos días, poden facelo no web de Escola Lubiáns <www.escolalubians.com>.

Compartir: