Inicio Carballo ao día Hemeroteca Telón e Aparte convoca a voluntarios para...

XUNTANZA PARA OS VOLUNTARIOS: MARTES 17 ÁS 20.00 HORAS

Telón e Aparte convoca a voluntarios para o FIOT e pecha a campaña de captación de socios cun centenar de incorporacións

Luns 16 de setembro do 2013

Desde a organización do Festival, convócase a todos os interesados e interesadas a asistir a unha xuntanza o martes 17 de setembro ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, co obxecto de presentar con máis detalle o funcionamento desta iniciativa e obter a información necesaria das persoas que desexen unirse a ela. Noutra orde de cousas, Telón e Aparte pecha o luns 16 de setembro unha campaña de captación de socios para a entidade, que se saldou con arredor dun centenar de novas incorporacións (exactamente 97 unha hora antes de que se pechase o prazo de inscrición, aínda que puido rexistrarse algunha alta de última hora). A iniciativa pode considerarse un éxito, xa que superou as previsións iniciais, na que o presidente e vicepresidente da asociación, Alberto Sueiro e Antón Guitoi, esperaban que se sumasen arredor de 50 persoas. Hai que lembrar que os novos socios, a través dunha achega de 20 euros, teñen dereito á compra anticipada do bono do FIOT nun prazo exclusivo e previo á venda para o público en xeral, así como a un desconto do 20 por cento na súa adquisición. Ademais, os primeiros 50 asociados teñen dereito a adquirir un segundo bono tamén en prazo anticipado, así como a recibir información personalizada sobre o programa do FIOT ou contar con preferencia para acceder a espectáculos de aforo reducido.

Compartir: