Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Xiria Pop celebra a súa XVI...

VENRES 20 E SÁBADO 21 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O Xiria Pop celebra a súa XVI edición demostrando que cun orzamento modesto pódese ofrecer moi boa música

Martes 17 de setembro do 2013

Graña quere subliñar que, mentres que o ano pasado o festival contou con seis grupos, este ano abandonouse un pouco "a austeridade" para volver con catro cada un dos dous días da cita. O motivo é precisamente unha das actuacións do venres, Erik Voeks, unha oferta "de última hora por un prezo que non se podía deixar pasar", en verbas de Graña. Voeks é un australiano afincado en EEUU moi coñecido por ser o responsable dun disco mítico para os amantes do power pop nos anos 90: "Sand box". Na actualidade ten unha tenda de discos en Kansas e non vive da musica nen fai xiras habitualmente, pero a través dun selo de Bilbao rescatouse para facer unha xira. Os galegos Niño y Pistola, tamén actúan o venres e xa tiñan actuado hai anos no Xiria Pop, cando só contaban cunha maqueta. Graña asegura que é un pracer ver que a aposta resultou ben, xa que agora son un grupo coñecido e respectado no ámbito estatal e van polo seu cuarto disco. Abren a noite pechando o cartel do venres os madrileños Jysus, de orixe asturiana, están afincados en Madrid e o seu estilo pode definirse como country folk rock.

O sábado 21 de setembro o festival ofrece os seus acordes máis rockeiros. Abren a noite The Down Down Downs, unha banda madrileña de versións que renden homenaxe ao pub rock inglés de finais dos anos 70 con adaptacións de cancións de grupos como Dr. Feelgood. Tamén de Madrid son The Government, un grupo de soul "un pouco acelerado e cun son un pouco sucio moi divertido" en verbas de Graña. O asturiano de Xixón Max Gamuza volve á escena musical cun disco cantando en castelán, toda unha excepción entre os grupos do Xiria Pop. O seu estilo lembra por momentos aos primeiros Rolling Stones e á voz de Burning. E o fin de festa do festival recae en J. Teixi Band, de Madrid. O grupo xa é un vello coñecido de Carballo, xa que visitaran o concerto da Rúa Estrela nas festas de San Xoán hai uns anos. A banda está conformado con xente de formacións como Mermelada e Los Elegantes. Javier Teixidor é o líder deste grupo que ofrece un rock moi clásico que constituirá, segundo Graña, "un bo fin de festa". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar o labor de Xavier Graña polo seu " bo gusto musical" ademais de porque "controla moitísimo, como pouca xente na Costa da morte, este tipo de música ", porque demostra como "cun presuposto moi modesto pode ofrecerse un cartel de altísima calidade".

Respecto das entradas, Graña comenta entre bromas que ao prezo "hai tempo que non se lle aplica o IPC" e é o de sempre. Son 15 euros polo bono para os dous días e 10 euros para a entrada solta para un único día. A apertura de portas está prevista para as 22.30 horas. As entradas están á venda de forma anticipada na Sala Dublín, aínda que case nunca hai problemas para adquirilas o mesmo día dos concertos para gozar dunha cita que, como subliña Daniel Pérez "a quen lle guste o rock and roll e o pop vaille gustar".

Compartir: