Inicio Carballo ao día Hemeroteca A tempada de verán nas praias do municipio...

A EXCELENTE CLIMATOLOXÍA FAVORECEU A AFLUENCIA AOS AREAIS

A tempada de verán nas praias do municipio sáldase con cinco salvamentos e máis de 500 atencións nos botiquíns

Venres 20 de setembro do 2013

Hai que mencionar que a agrupación de Protección Civil e os 32 socorristas que vixiaron os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal rexistraron un total de 587 atencións de botiquín, o que supón case a metade das rexistradas en 2012 (con 990). As praias carballesas contan con cinco caixas de primeiros auxilios, tres en Razo, unha nas Saíñas e unha en Pedra do Sal, que estiveron abertas a diario de 11.00 a 20.00 horas. O areal de Razo é o que ten rexistrado máis asistencias, con 359 fronte ás 228 das Saíñas e Pedra do Sal. Por meses, o mes de xullo foi o que máis atencións acumulou, con 141 en Pedra do Sal e As Saíñas e 175 en Razo. Unha vez rematada a tempada de praias e o labor dos socorristas, os responsables de Protección Civil de Carballo lembran aos veciños e veciñas que a partir de agora non está dispoñible o servizo de socorrismo e vixilancia nos areais do Concello, polo que reiteran que o baño non é recomendable. Ademais, hai que subliñar que tampouco están habilitadas e sinalizadas as zonas aptas para o baño en cada praia. Por estes motivos, Protección Civil recomenda que os usuarios e usuarias teñan a máxima precaución á hora de meterse na auga de acudiren aos areais nos próximos días. Tamén hai que lembrar que este ano tres areais do Concello contaron con Bandeira Azul -Razo, As Saíñas e Pedra do Sal-, un distintivo que concede a ONG Adeac e que recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles.

Compartir: