Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT 2013 trae a Carballo nomes como o de Juan...

50 ACTIVIDADES TEATRAIS ENTRE O 3 E O 31 DE OUTUBRO

O FIOT 2013 trae a Carballo nomes como o de Juan Diego Botto e Malena Alterio, e vellos coñecidos como Ron Lalá ou Titzina

Venres 20 de setembro do 2013

A programación de sala ten lugar entre o 11 e o 31 de outubro e ofrece nove espectáculos de compañías galegas, catalás, madrileñas ou incluso dunha chegada dende Chile e presenta tres estreas en Galicia e unha en España. Comeza, como en 2012, cunha proposta chegada dende o País Vasco, "André e Dorine" de Kulunka Teatro; e remata cunha obra do coñecido dramaturgo Claudio Tolcachir cun elenco de actores tan coñecidos como Malena Alterio, Alfonso Lara, David Castillo, Gloria Muñoz ou Daniel Grao. De Galicia, esta edición conta con dúas compañías, Grupo Chévere que trae "Eurozone", compañía que xa tivera éxito en Carballo con "Citizen" baseada na figura de Amancio Ortega; e Teatro do Aquí, que presenta "Criaturas" de Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado no Día das Letras de 2013. A proposta estará acompañada por unha exposición sobre a vida e obra deste autor, un home de teatro. E tamén descubrindo a placa dunha rúa na capital municipal dedicada a este coñecido dramaturgo, primeiro Xograr de Outono do FIOT.

Entre as compañías que xa visitaron o FIOT hai que mencionar a Ron Lalá, que en clave humorística propoñen "Siglo de Oro, Siglo de Ahora (folía)" despois do seu éxito no festival con "Time al tiempo" hai dúas edicións. E tamén son vellos coñecidos "Titzina Teatre", que desta volta ofrecen "Distancia siete minutos" nada menos que coa súa estrea en España, unha mostra da confianza depositada pola compañía no festival por mor da longa relación entre as dúas partes. De Madrid veñen outras dúas propostas de prestixio. Producciones Cristina Rota e Teatro Español presentan "Un trozo invisible de este mundo", protagonizada por Astrid Jones e Juan Diego Botto -tamén autor da peza- e dirixida por Sergio Peris-Mencheta, tamén moi coñecido pola súa faceta de actor. E dos madrileños Teatro de la Abadía chega "Maridos y mujeres", baseada nun texto de Woody Allen e adaptada para o teatro por Alex Rigola. Cumpre así a organización a vella arela de que Abadía, unha das compañías máis punteiras no teatro español, puidera visitar o FIOT. O toque internacional do festival vén a cargo de La Mona Ilustre, de Chile con "Las cosas también tienen mamá" nunha mestura de actrices, bonecos e marionetas.

Ademais das pezas do auditorio, o ciclo OTNI xa está integrado no FIOT despois de catro anos no seu labor de dar cabida a proxectos que por formato, contido ou linguaxe teñen un encaixe difícil na programación ordinaria de sala. E este ano o OTNI garda varias sorpresas. A primeira, unha nova pequena incursión na creación por parte do Festival. Así, en complicidade con outras citas teatreiras (festivais de Vigo e de Terrassa), o FIOT participa na coprodución da orixinal "Symon Pédícrí", unha obra que explora a ventriloquía dun creador galego afincado en Barcelona, Diego Anido, e que supón unha estrea en Galicia. Tamén se estrea en Galicia "Sé de un lugar", de Producciones Prisamata, (Cataluña), cunha traxicomedia fresca e intelixente arredor da historia dunha parella. E o terceiro OTNI vén de Galicia con Triateros e "Hámster", e garda a sorpresa do primeiro traballo profesional dunha actriz carballesa e outrora voluntaria do Festival, Alba Bermúdez. Unha maneira máis, segundo Sueiro, de que o FIOT sexa "canteira para o teatro tanto en Carballo como na comarca".

Como sempre o FIOT non sería o mesmo sen as actividades paralelas. A animación teatral de rúa converterá de novo o centro carballés en escenarios improvisados e en espazos tomados por actores cheos de historias diversas. O Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís cumpre 13 anos, dando protagonismo aos espectadores máis pequenos, coa intención de promover o teatro e favorecer a súa iniciación e interpretación dramática. Así mesmo, dentro das actividades paralelas hai que subliñar "Unha noite de farándula", una proposta para que os máis cativos e cativas coñezan pola noite os segredos e a historia do teatro. Outra novidade é "Zoom FIOT" no que varios fotógrafos convidados realizarán un seguimento en imaxes do festival para elaborar unha exposición presente na edición de 2014. Ou tamén por primeira vez os hostaleiros colaboran para crear unha Ruta do Pincho que xire arredor da programación do FIOT. Continúa un ano máis "Café con..." unha oportunidade para que o público fale cos creadores dos espectáculos; mantense o programa de voluntariado, que comezou en 2010 e que cada vez consegue maior implicación por parte dos seus participantes; e volven o Premio do Público e a entrega do Xograr de Outono.

Gargalladas e contadores de historias na XV Rúa dos ContosQuince anos son os que cumpre a Rúa dos Contos nesta nova edición, quince anos de sorprendentes espectáculos e compañías, quince anos de divertidos monólogos, de improvisacións, de acrobacias, de máxicas interpretacións e sempre quince anos de incribles personaxes. Os pubs, tascas e cafeterías que colaboran desta volta son: Mesón A Cabaña, Cafetería Valle Inclán, Bar A Barra, Bodegón O Pescador, Cafetería Colón, Vinoteca La de Bur, Cervexaría A Bombonera, Pub O Patacón, Pub A Reserva e Cervexaría Dublín. E os máis cativos tamén terán a súa cita cos contos na Ludoteca Municipal. Esta edición quere volver a dar un paso máis propoñendo clásicos da narración, como Paula Carballeira, Avelino González ou José Campanari; contadores emerxentes como María da Pontragha ou Ricardo Barreiro; o máis tradicional da nosa cultura, con Os regueifeiros de Xornes; e o conto acompañado de títeres para adultos con Tanxarina. Tamén hai opcións que integran a música, como a de Illanes ou Aldaolado, que incorporan tamén a poesía; contacontos para nenos, con Santi Prego; e de variedades, coa maxia de Cayetano Lledó ou o Microcabaret de Nelson Quinteiro. Hai que resaltar tamén un espectáculo de gran formato que se incorpora a este ciclo, a "Ultranoite" do Grupo Chévere. O Mercado Municipal ofrecerá hora e media de espectáculo gamberro, teatro de variedades cheo de improvisacións no que o público poderá asistir a unha nova forma de diversión.

Respecto da venda e reserva de entradas, bonos e mini bonos, o despacho dos bonos para os novos socios de Telón e Aparte é o xoves 26 e o venres 27 de setembro no teléfono 902 504 500. Para os non socios os bonos teñen un prezo de 62 € -55 € con desconto- e o prazo está aberto dende o 28 de setembro ás 9.00 horas e até o 3 de outubro; o minibono A pode adquirirse do 30 de setembro ao 9 de outubro e o minibono B do 30 de setembro ao 23 de outubro. Para as entradas soltas dos espectáculos de sala e o ciclo OTNI, o prazo estará aberto desde o día 30 de setembro ás 9.00 horas ata o día antes de cada función e o día da función de 19.30 a 21.00 horas no despacho de billetes do Pazo da Cultura. Todas as vendas para o público en xeral están xestionadas a través de <www.servinova.es> e do teléfono 902 504 500. Para a Rúa dos Contos, as entradas poden adquirirse nos locais participantes, excepto para "Unha noite" do Grupo Chévere, xa que os tickets tamén deben mercarse a través de <www.servinova.es> e do teléfono 902 504 500 do 30 de setembro ao 4 de outubro.

A organización non quere esquecer a presenza dos patrocinadores, algúns que están no FIOT dende o primeiro, como a Xunta e a Deputación provincial, que este ano plasma a súa colaboración a través dun convenio; e outros máis recentes, como Begano, CCB-Gadis, Sogama ou o Ministerio de Educación, Cultura y Deportes. Tamén están presentes a delegación de La Voz de Galicia en Carballo ou a Editorial Primera Persona, fundamentais na celebración do Concurso de Teatro Lido. A Fundación Luis Calvo Sanz repite a colaboración iniciada o ano pasado e incorpórase por primeira vez a Obra Social de La Caixa. A presentación do programa do FIOT 2013 contou coa presenza, ademais de Alberto Sueiro, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; de Jacobo Sutil, director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que nesta edición achega 44.000 euros ao FIOT; do Alcalde de Coristanco e Deputado provincial, Antonio Pensado; de Francisco Felípez, representante de Obra Social Fundación La Caixa e director da oficina da entidade en Carballo; e da Concelleira de Cultura de Carballo, Mar Eirís. Todos esperan que a convocatoria recolla un novo éxito na edición de 2013, que se agoten as entradas para todas as funcións como ten ocorrido nos sete anos anteriores, e en verbas de Ferrero, que sexa unha oportunidade única "para namorarse de Carballo".

Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova o programa polo miúdo, así como as actividades paralelas e os detalles sobre a venda de entradas e bonos e os prezos en varios documentos en pdf.

Compartir: