Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do contrato...

SOLICITUDE PARA PODER DERRUBAR O EDIFICIO DA CÁMARA AGRARIA

O pleno aborda a aprobación do contrato administrativo para licitar once postos e cinco almacéns do Mercado Municipal

Venres 27 de setembro do 2013

Ferrero, que estivo acompañado na rolda de prensa pola Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, explica que, ademais de que o edificio carece de actividade está nun estado "calamitoso" e continúa o seu proceso de deterioro. A pesar de que en 2008 a Consellería de Medio Rural tentara rehabilitalo para trasladar as oficinas deste departamento autonómico no Concello ao edificio, finalmente un estudo revelou que o arranxo do inmoble non resultaba rendible, tanto polos custos derivados como pola súa escasa superficie útil. Por tanto, con esta resolución plenaria o Concello quere solicitar á Consellería de Presidencia que se transfira a propiedade do edificio ao Concello para que poida ser derrubado e aproveitar o espazo para gañar praza pública. Nunha sesión con nove puntos na orde do día, o pleno tamén abordará a Constitución de agrupación de concellos e convenio de colaboración co Concello da Laracha en orde á execución da obra denominada "Soterramento de infraestruturas eléctricas en A Piña". Así, a Consellería de Industria vén de aprobar unha subvención para soterrar as liñas eléctricas na contorna da capela da Piña nunha zona que afecta aos concellos de Carballo e A Laracha. Os traballos teñen un importe de 109.262,20 euros e concedeuse o límite máximo da axuda, de 100.000 euros. A gran maioría da zona afectada está dentro do Concello de Carballo, polo que arredor do 90 por cento do investimento realizarase no municipio.

Actualización da taxa da recollida de lixo ao IPC para 2014

A sesión tamén supón a modificación dunha ordenanza e a aprobación inicial doutras tres. No primeiro caso trátase da actualización a un IPC estimado dun 2,2 por cento da Ordenanza fiscal número 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de lixo e residuos sólidos urbanos para 2014. Así, o importe da taxa para as vivendas do casco urbano pasa de 62,90 euros a 64,28 euros, mentres que no medio rural, onde a recollida non é diaria, o importe pasa de 50,33 a 51,44 euros. A suba tamén afecta ao lixo comercial, aínda que neste caso a ordenanza tamén sufrirá tres modificacións no que respecta á tarifa base das axencias de viaxes, dos negocios funerarios e dos xardíns de infancia. Así, o goberno considera que nestes tres casos estábase aplicando unha tarifa excesiva respecto do lixo xerado: no primeiro caso debido á redución na actividade e no reparto de folletos das axencias; no segundo pola presenza de negocios no rural que non contan cunha actividade diaria; e no terceiro porque a actividade dos xardíns de infancia pode considerarse similar á dun centro docente. Polo tanto, este tipo de negocios experimentarán un notable descenso na taxa.

Respecto das novas regulacións, a sesión aborda a aprobación inicial dunha Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e dos prezos públicos do Concello de Carballo; a dunha Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Carballo; e dunha Ordenanza reguladora de praias do Concello de Carballo. Neste último caso, a normativa xa fora debatida no pleno do mes de agosto, mais considerouse pertinente modificar o apartado de sancións. Tras unha xuntanza dos voceiros municipais, finalmente acordouse que as infraccións leves suporán unha sanción de ata 120 euros; as graves de ata 300 euros; e as moi graves de ata 3.000 euros. Para rematar está o punto referido a seguimento de órganos de goberno. Aquí inclúese a dación de conta das Execucións trimestrais das Entidades Locais, neste caso o que corresponde ao segundo trimestre de 2013. Ferrero subliña que "o Concello segue a presentar unha evolución económica moi favorable" cumpríndose "todos os indicadores". E tamén a dación de conta da doazón dunha serirafía dixital do artista carballés Manuel Facal Ponte titulada "Grama" e que se situará no Fórum Carballo.

Fóra da orde do día, e atendendo as reivindicacións dos afectados polas participacións preferentes, inclúese un comunicado de apoio no que se solicita á Xunta de Galicia que non se venda NovaGalicia Banco ata que queden saldadas todas as débedas cos implicados.

Compartir: